CONSORCIO

O Consorcio de Santiago publica 24 historias do primeiro ferrocarril de Galicia

28/10/2009 O Consorcio de Santiago e a editorial Sotelo Blanco sacan á luz Historias do Carril-Cornes, un libro que recolle diferentes relatos ao redor da primeira liña férrea que houbo en Galicia e que unía Santiago coa ría de Arousa.

Na que fora a antiga estación de Cornes, o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou esta última publicación da Biblioteca de Divulgación Xacobea do Consorcio. O seu autor é Xoán Luís Miguéns García, quen é socio fundador da Asociación Compostelá de Amigos do Ferrocarril e, ademais, exerce a súa profesión sanitaria dende hai moitos anos na empresa ferroviaria RENFE. Ten escrito artigos e relatos relacionado co mundo dos trens en diferentes revistas e xornais.

Por primeira vez, saen á luz un compendio de historias tiradas da vida cotiá que xiraba ao redor da primeira liña férrea de Galicia, que unía Santiago coa ría de Arousa. A vía partía da estación de Cornes e chegaba ata a localidade de Carril.

O libro componse de 24 historias que teñen como fío condutor a liña Carril-Cornes, e, como protagonistas, tanto a ferroviarios e viaxeiros como a calquera outro tipo de persoas vinculadas co ferrocarril. Os relatos, tirados na súa maioría dos argumentos das propias testemuñas, compoñen un reflexo da sociedade galega da época. Segundo o autor, "son historias sinxelas sobre xentes tamén sinxelas que reflicten certos feitos característicos das diferentes épocas nas que se encadran estes relatos e que, a través deles, nos permiten albiscar como se desenvolvía o mundo ferroviario galego na sociedade do derradeiro terzo do século XIX e boa parte do XX".

Os relatos recollen historias que teñen que ver coa inauguración da liña e cos primeiros trens especiais que os veciños de Compostela aproveitaban para ir ata a praia ou ata o santuario da Escravitude. Tamén recollen relatos do traslado do corpo de Rosalía de Castro dende o camposanto de Iria Flavia para ser soterrada no Panteón de Galegos Ilustres, historias do contrabando ou a crónica da catástrofe de Pazos, un accidente provocado polo choque de dúas cisternas de gasolina e que provocou varios mortos. O libro ilústrase con diversas fotografías e gravados da época.

A primeira liña de Galicia
O 15 de setembro de 1873, hai agora 136 anos, entraba en servizo a primeira liña férrea de Galicia, que unía a estación de Cornes (entón no concello de Conxo, hoxe no de Santiago de Compostela) e a de Carril, próximo a Vilagarcía de Arousa, cunha lonxitude de 42 quilómetros. Impulsada pola Real Sociedade Económica de Amigos do País, inaugurábase 25 anos despois da posta en funcionamento da primeira liña da península Ibérica. En 1880 fíxose cargo da súa xerencia o británico John Trulock, quen rematou por instalarse coa súa familia en Padrón, onde anos máis tarde nacería o seu neto Camilo José Cela, Premio Nobel de Literatura. En 1941, a liña integrouse definitivamente na RENFE.

A Biblioteca do Consorcio
O traballo súmase aos máis de 120 libros pertencentes ás diferentes coleccións temáticas que ate hoxe ten publicado o ente interadministrativo. Precisamente hai un mes o Consorcio de Santiago facía doazón de todos os seus libros á Casa das Asociacións, para que estean ao servizo de todos os cidadáns. No acto, doáronse todas as publicacións editadas e que están agrupadas na Biblioteca Facsimilar Compostelana, na Biblioteca Científica, na Biblioteca Literaria, na de Divulgación Xacobea, na de Imaxes e na Infantil e Xuvenil.

O que sempre se procurou dende o Departamento de Publicacións do Consorcio de Santiago é reforzar a presenza cultural da cidade no campo bibliográfico. Autores como Ángel Valente, Uxío Novoneyra, García Bodaño, Neira de Mosquera, Gonzalo Torrente, Gerardo Diego, García Lorca ou Aurelio Aguirre forman parte do seu fondo.

Tamén no campo da divulgación e da investigación nomes como Ofelia Rey Castelao, Xoán Carmona, Manuel Núñez, Alfredo Vigo, Manuel Castiñeiras, Andrés Rosende, Miguel Taín, Fernado L. Alsina, Carlos Martí, Antonio Fraguas ou Antonio Iglesias, entre outros, contaron co servizo de publicacións do Consorcio para a edición dos seus estudos máis recentes.

Compartir: