TRANSPORTES

A liña 1 do servizo de transporte urbano incrementa as súas frecuencias os días de Todos os Santos e Defuntos

28/10/2009 Con motivo da festividade de Todos os Santos e Defuntos, os días 31 de outubro e 1 de novembro, a liña 1 do transporte urbano incrementará as súas frecuencias para dar servizo ao cemiterio de Boisaca.

Segundo indicou o concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, durante o horario de apertura do cemiterio, entre as 9:00 e as 19:00 horas, haberá autobuses cada 15 minutos. A liña 1 cobre o traxecto entre o polígono do Tambre e o Hospital Clínico.

O percorrido de ida é o seguinte: polígono do Tambre, vía Edison, cemiterio, estrada da Coruña, San Roque, Senra, Rosalía de Castro, Choupana e Hospital Clínica. Á volta, os autobuses saen do Hospital Clínico para logo pasar por Choupana, Rosalía de Castro, Senra, San Roque, estrada da Coruña, cemiterio, vía Edison e polígono do Tambre.

Partido do Xacobeo Blu:sens
Tamén recordou Nieves que o sábado, 31 de outubro, haberá partido do Xacobeo Blu:sens. Obradoiro ás 20:00 horas no multiusos Fontes do Sar. Como vén sendo habitual, haberá servizo especial de autobús.

A liña C11 incorporará o multiusos Fontes do Sar ao seu percorrido habitual dende as 19:00 horas e cada 12 minutos. Ademais, habilitarase un servizo lanzadeira a partir das 19:00 horas dende a rúa da Rosa. Ao remato do partido manteranse ambos servizos de regreso.

Enquisas de mobilidade
O concelleiro aproveitou a rolda de prensa para referirse ás enquisas que TUSSA vai realizar para medir as necesidades de mobilidade do transporte público. Realizaranse máis de 6.000 enquisas, telefónicas e no interior dos autobuses urbanos e interurbanos, durante os meses de decembro e xaneiro.

"Estas enquisas darannos información veraz e unha visión completa sobre os fluxos de viaxeiros", indicou Nieves. "Trátase non só de fidelizar, senón tamén de captar novos usuarios", engadiu o xerente de TUSSA, José Ramón Mosquera. A partir destes datos, que se farán eco das "modificacións urbanísticas e a nivel de infraestruturas" da cidade nos últimos tempos, estudaranse posibles cambios na rede de transporte.

Compartir: