ALCALDÍA

O alcalde recibiu ao presidente da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos

28/10/2009 O presidente da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, Antón Fernández, mantivo un encontro con alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

O Concello vén colaborando con Cantigas e Agarimos dende hai anos, contribuíndo ao labor que esta agrupación realiza para a recuperación, conservación e transmisión da nosa cultura tradicional en todas as súas formas: cantigas, música, baile, traxes populares... Esta colaboración concrétase en actuacións, diversas actividades e mesmo na edición de discos.

Nada en 1921, Cantigas e Agarimos é toda unha institución na cidade. O compositor Bernardo del Río participou na súa fundación e dirixiu o coro ata 1952, ano no que faleceu despois de gravar os primeiros rexistros do mesmo. Entre eles destaca "A virxe de Guadalupe. A rianxeira", primeira gravación realizada en Galicia do que sería o maior éxito discográfico da música popular galega.

A través das súas seccións: coral, gaiteiros, grupo de baile e pandeireteiras (e antigamente grupo teatral), Cantigas e Agarimos non deixou nunca de ocupar postos privilexiados nos eidos do folclore. Así o acreditan os numerosos premios acadados ao longo da súa traxectoria e as referencias dos historiadores.

Compartir: