CIDADE HISTÓRICA

"Compostela Conta" ensinará arqueoloxía e historia dun xeito lúdico

28/10/2009 Compostela Conta é un programa educativo de nova creación, dirixido todas as idades, coa finalidade de ensinar dun modo lúdico, didáctico e divertido o coñecemento histórico e arqueolóxico existente sobre un sector da Cidade Histórica, a partir dos traballos executados dende a Concellería de Rehabilitación e Cidade Histórica. Porase en marcha o 10 de novembro, con dous tipos de actividade: un gran xogo e unha visita guiada.

A concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, Olga Pedreira, e a arqueóloga municipal, Dolores Cerqueira, presentaron o programa Compostela Conta. Está dirixido a calquera tipo de destinatarios, organizados en grupos cun mínimo de 12 participantes e un máximo de 25. Todos poderán participar nun Gran Xogo, con probas de habilidade, coñecemento, destreza, interpretación e investigación dun xeito dinámico e lúdico. Introducirase aos participantes en diferentes momentos históricos a través de personaxes, da documentación histórica e dos espazos polos que transitarán.

A outra variante da iniciativa é unha Visita Guiada a través dunha dramatización. Consistirá nun itinerario polo sector a amosar guiado por personaxes da Historia cos que se fará unha viaxe no tempo e no espazo, percorrendo os lugares máis singulares e introducindo aos participantes no contexto histórico. Realizaranse no sector da Cidade Vella comprendido entre a igrexa de San Fiz, a praza da Oliveira e o Preguntoiro.

Os grupos serán recibidos na praza de San Fiz no seguinte horario: xogo, 17:00 horas (2,5 h. de duración), e representación na rúa, 18:00 horas (1,5 h.). En caso de choiva, a actividade realizarase no pavillón das flores da praza de Abastos. A sesión finalizará na praza do Irmán Gómez.

O calendario de execución será de martes a sábado dende o 10 de novembro ao 5 de decembro de 2009, desenvolvéndose alternativamente cada día ou o xogo ou a representación.

Procedemento de inscrición
A inscrición neste programa é de balde. Os grupos ou persoas interesados/as en participar deberán facer a reserva no centro sociocultural máis cercano, a través do fax 981 542 438 ou enviando unha mensaxe á dirección ccidadehistorica@santiagodecompostela.gal, indicando: nome completo, DNI, idade, dirección e nº de teléfono de contacto.

No caso de grupos de escolares ou centros de ensino, os responsables da visita deberán deixar os seus datos persoais e os datos do centro de ensino, detallando o máis posible os datos do alumnado que vai participar (nº alumnos/as, idade), alén de facer mención expresa por escrito da imposibilidade de facer rexistro gráfico da actividade en caso de que a situación dalgún menor o requira.

Os grupos pertencentes á Rede de Centros Socioculturais deberán facer a inscrición a través do fax 981 542 489 ou enviando unha mensaxe a csvite@santiagodecompostela.gal.

Compartir: