ALCALDÍA

Sánchez Bugallo agarda que "o conselleiro atope a solución ao problema que suscitou" en relación á estación do AVE

27/10/2009 "Se isto non se soluciona xa, chegará o AVE, pero non estará a estación". Así se pronunciou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, a propósito das últimas declaracións do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, en relación a sinatura do convenio para a construción da estación do AVE. Con todo, manifestou o seu desexo de que "o conselleiro atope unha solución acaída ao problema que suscitou".

Sánchez Bugallo expresou unha vez máis a súa sorpresa polo que a Xunta manifeste un desacordo agora sobre un tema que, dende a percepción de Concello, Fomento e ADIF quedara pechado na reunión mantida entre as catro partes o luns 19 de outubro. Un acordo que, segundo o alcalde, recollía as peticións da Administración autonómica, "as que, por certo, expresáronse por primeira vez o 13 de outubro".

Malia a preocupación, apuntou o seu desexo de que "o mesmo que suscitou o problema atopa unha solución razoable en tempo razoable". Neste sentido, anunciou que, o 3 de novembro, o ministro de Fomento, José Blanco, estará en Santiago. "Gustaríanos que este tema estivese desbloqueado para entón", engadiu.

De non solucionarse este problema, dixo Sánchez Bugallo, na data prevista para a chegada do AVE, 2015, "teremos tren, pero non estación". A este respecto, indicou que o Ministerio de Fomento está a cumprir cos seus prazos e compromisos, e que, de non cumprirse os da estación do AVE, sería imputable á Administración Autonómica.

Retroceso de cinco anos
Sobre as dúbidas manifestadas pola Consellería, afirmou que "o conselleiro propón volver cinco anos antes", en relación a un estudo que solicita e que xa se realizara con anterioridade por parte da Dirección Xeral de Ferrocarrís do Ministerio de Fomento. "As cuestións de mobilidade, ordenación, volumes ou reparto de usos debe marcalas o Plan Especial", recordou a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón.

Así o referendou tamén o alcalde, denunciando que o ente autonómico pretende invadir unha competencia municipal. En calquera caso, lembrou que o Concello aceptara compartir a competencia respecto ao informe do Plan Especial por parte da comisión de seguimento do convenio, tal como pedira a Xunta.

Sobre os volumes de edificabilidade, insistiu unha vez máis en que "están moi por debaixo dos límites legais marcados pola Lei do Solo". A este respecto, subliñou que "se hai esta edificabilidade é por razóns de financiamento, pero nós non teríamos ningún inconveniente en que a Xunta lle plantexara a ADIF poñer eles o financiamento". Ademais, reclamou unha "mesma vara de medir" da Xunta, aludindo a que esta deu o visto bo a unha estación do AVE, a de Vigo, "cun volume edificable moito maior".

Compartir: