PROMOCIÓN EOCNÓMICA

Máis de 500 persoas asisten á IV Xornada Emprende en Compostela

27/10/2009 Un total de 521 persoas asistiu á IV Xornada Emprende en Compostela, que se celebrou no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago. 429 apuntáronse nas distintas actividades programadas o encontro, e 102 asistiron á presentación en Galicia da Rede Traball@, a nova páxina web do Ministerio de Traballo que ten como finalidade facilitar a procura de emprego á cidadanía, ofrecendo recursos e servizos en liña para persoas desempregadas, empresas, persoas ocupadas e empresariado.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o acto de apertura da Xornada, no que tamén participou o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias. O obxectivo da xornada, enmarcada no programa Compostela Activa que depende do Servizo de Apoio á Empresa que presta a Concellaría de Promoción Económica, era fomentar a cultura emprendedora mediante un encontro no que participaron distintas organizacións vinculadas ao emprendemento e ao desenvolvemento do emprego en Santiago. A xornada estaba dirixida a persoas interesadas en desenvolver un proxecto empresarial nos vindeiros anos e ás que acaban de montar un negocio.

Na mesa de apertura participaron o alcalde, Xosé Antonio Sánchez Bugallo; o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias; o director na Coruña do Servizo Público Estatal de Emprego, Angel Teixeiro; o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey Carril; o director asociado do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía da USC (CITT), José Luis Villaverde Acuña; o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, Jesús Chenel Noya; o presidente de AJE-Marineda (a Asociación de Xóvenes Empresarios da Coruña), Daniel Ramos; e a vicepresidenta de Em-Rede (Rede de Iniciativas Empresariais de Compostela e Comarca), Marisa Dequidt. Cada entidade describiu brevemente os servizos que ofrece a empresas e emprendedores, e todos coincidiron nunha mensaxe: emprender en tempos de crise é unha oportunidade, non unha desvantaxe.

A continuación, Enrique Vila Sánchez, director de Área do Centro de Empresas e Innovación de Galicia (C.E.E.I. Galicia, S.A. – Bic Galicia) impartiu o relatorio As novas axudas e estratexias para o emprendemento en tempos de crise. Despois tivo lugar o Panel de Experiencias Cooperación Empresarial fronte á crise, no que participaron representantes de UNIEMPRENDE (USC), o Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio de Santiago, a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, a asociación AJE Marineda, Em Rede e a Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia.

Sobre ás dúas da tarde, comezou o relatorio Artefacto: a fábrica de soños nace en Compostela, na que Isabel Rey e Simón Sabarís relataron a experiencia empresarial de Artefacto Producciones. Esta empresa audiovisual galega, nacida en abril de 2007 no marco do proxecto de fomento do emprendemento Equal Compostela Social, liderado pola Concellaría de Promoción Económica e a través do que se crearon 64 empresas. Localizada en Santiago de Compostela, está especializada en animación stop-motion. Na actualidade traballa en varios proxectos audiovisuais, entre eles O Apóstolo e Renata, la araña. Ademais de películas, tamén realiza vídeos musicais, anuncios de publicidade, deseña e monta decorados e organiza cursos sobre técnicas de stop-motion. O programa da mañá rematou coa actuación de Carlos Blanco.

Obradoiros e encontro da Rede de Cooperación Local
Durante a xornada, Bic Galicia impartiu seis Obradoiros para o emprendemento: tres pola mañá e tres pola tarde. Tamén se celebrou un encontro da Rede de Cooperación Local. Consistiu nun xantar de traballo entre empresariado, emprendores recentes e técnicos, ao que asistiron 172 persoas. A RCL é un programa nacido en 2004 que ten como obxectivo favorecer a competitividade e a innovación do tecido industrial compostelá a través da colaboración entre o mundo empresarial, as institucións e a Universidade de Santiago. Non transcurso deste acto presentouse aos asistentes Rede Traball@.

Rede Traball@
A Rede Traball@ presentouse oficialmente en Galicia na IV Xornada Emprende en Compostela. Foi nun acto no que participaron o concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias; o director na Coruña do Servizo Público Estatal de Emprego, Angel Teixeiro; o subdirector xeral adxunto de Tecnoloxía da Información e Comunicación de SEPES, Santiago Graña Domínguez; e Alan Vázquez Sánchez, compoñente da Oficina Técnica de Rede Traball@.

Rede Traball@, deseñada polo Ministerio de Traballo, é un paso máis na coñecida como Administración Electrónica e ten como obxectivo facilitar a procura de emprego á cidadanía, ofrecendo recursos e servizos en liña para persoas desempregadas, empresas, persoas ocupadas e empresariado. Ademais permite ás persoas desempregadas solicitar a súa prestación sen ter que acudir ás oficinas do INEM e sirve, ademais, como punto de encontro entre quen ofrece un emprego e quen o demanda.

Na xornada habilitouse un espazo específico, no que se instalaron oito ordenadores con conexión á web: www.redtrabaja.es. As persoas que acceden a esta web poden informarse sobre o seu funcionamento e os servizos que ofrece, e incluso, tramitar algún deses servizos sempre que teñan DNI electrónico. Ademais, reservouse unha sala, a número 4, na que, en dúas sesións de mañá, e dúas de tarde, se explicou o manexo da nova ferramenta web ao empresariado e a persoas ocupadas e persoas desempregadas. Nestas sesións participaron 102 persoas.

Compartir: