XUNTA DE GOBERNO

Aprobada a modificación do Plan Especial da Cidade Histórica para a construción do albergue de peregrinos de Belvís

27/10/2009 A Xunta de Goberno aprobou inicialmente a modificación puntual do Plan Especial da cidade histórica e rehabilitación (PE-1) para a construción do albergue de peregrinos en Belvís. Na mesma sesión deuse o visto bo a diversas axudas para entidades comerciais, deportivas, culturais e de mocidade.

Coa aprobación desta modificación puntual impúlsase definitivamente o proxecto do albergue de peregrinos de Belvís, formulado polo Arcebispado de Santiago para ocupar unha parcela no Seminario Menor. O proxecto contempla un edificio de nova planta cun volume edificable máximo de 4.000 metros cadrados construídos e unha ocupación en planta, tamén máxima, de 1.250 metros cadrados de solo.

A cuberta da nova edificación non poderá superar a rasante actual da plataforma de implantación do Seminario Menor. O proxecto contempla a ampliación do viario peonil Bispo Teodomiro, que enlaza as rúas Quiroga Palacios e Batalla de Clavixo. Para facilitar esta ampliación, cédese ao Concello o solo afectado.

O novo albergue de peregrinos pretende ser tamén un elemento dinamizador do parque de Belvís, e potenciará a súa comunicación peonil coa cidade histórica. Tamén solucionará a actual discontinuidade entre o Seminario e as novas vivendas do SUPN-9.

Esta modificación someterase a información pública durante un mes. Neste período tamén se solicitarán os correspondentes informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, da Consellería de Medio Ambiente e das empresas subministradoras de telefonía, cable e gas.

Deportes
En Deportes, acordáronse os criterios xerais de concesión e as normas básicas de funcionamento de diferentes pavillóns deportivos e campos de fútbol da cidade: Lamas de Abade, Monte dos Postes, Apóstolo Santiago, Quiroga Palacios, Carmen Estévez, Colexio de Vite, Pío XII, Pontepedriña, Lorenzo de la Torre, Vite, Restollal, Santa Isabel, As Cancelas, Marrozos, Grixoa, pistas de atletismo de San Lázaro e pista de chave de Galeras.

Para a concesión de uso dos pavillóns establécense varias prioridades, por esta orde: programas deportivos municipais, materia de educación física ou actividades lectivas, actividades extraescolares das ANPAS, adestramento e competición de clubs e entidades deportivas da cidade, competicións de deporte escolar, outras actividades vinculadas con actividades periódicas e outras competicións ou actividades. Quedan excluídos destas prioridades os equipos d fútbol sala que participan na competición organizada pola Agrupación de Deportistas Veteranos, que xa teñen reservadas unhas horas determinadas.

Respecto aos campos de fútbol, as prioridades son: programas ou competicións municipais e adestramento e competición de clubs e entidades deportivas da cidade.

Tamén no ámbito deportivo, aprobouse a concesión de 51 subvencións destinadas ao fomento do deporte federado do ano 2009, por un importe de 269.999 euros.

Promoción Económica
En materia de Promoción Económica, concedéronse varias subvencións para a realización de actividades de promoción e dinamización comercial no Concello de Santiago para o ano 2009. En concreto, as beneficiarias son: Agrupación de comerciantes de Santiago (22.054 euros); Fundación Santiago Centro (21.248 euros); Compostela Monumental (22.054 euros); Asociación de comerciantes da rúa de San Pedro (352 euros); e Asociación do gremio de Xoiería, Orfebrería e Acibechería de Santiago (12.291euros).

Ademais, acordouse a elaboración dunha auditoría e dun informe de necesidades a establecementos comerciais dentro do Plan de mellora para os comercios en activo. O importe destinado a este concepto ascende a 22.500 euros.

Xuventude
A proposta do concelleiro de Xuventude, aprobouse provisionalmente a concesión de 23 subvencións destinadas ao fomento de actividades dirixidas á mocidade para este ano 2009. En total, beneficiaranse destas axudas 23 asociacións, que se repartirán 25.000 euros. A cantidade máxima por proxecto non pode superar os 2.900 euros.

Cultura
Outras entidades para as que se acordaron subvencións son as do ámbito cultural sen fin de lucro. Neste caso outorgáronse 39.500 euros a repartir entre 39 asociacións.

Medio Ambiente
O Goberno local tamén adxudicou provisionalmente a Aspas Emprego o contrato de conservación e mantemento do parque de Brandía. O importe da adxudicación é de 135.033 euros.

Circulación Viaria
Finalmente, iniciouse o expediente de contratación do servizo de mantemento, conservación e reparación das instalacións do sistema de control de tráfico do termo municipal. O tipo de licitación estableceuse en 476.581 euros. Este servizo será presentado en rolda de prensa pola concelleira de Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano.

Documentos relacionados



Compartir: