ALCALDÍA

O alcalde segue a confiar en que o convenio da estación do AVE se asine na primeira semana de novembro

26/10/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recordou unha vez máis que o borrador do convenio para a construción da estación do AVE "foi redactado e conformado" por todas as partes. Insistiu tamén en que "o tráfico é unha competencia municipal" e na súa confianza en que "o convenio se asine na primeira semana de novembro, despois de ter sido xa retrasada a súa sinatura tres veces".

En relación ás dúbidas expresadas polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Sánchez Bugallo apuntou en torno aos vieiros afectados polo ámbito da nova estación que "por un lado, son vías urbanas no casco urbano e, polo outro, tanto o vieiro Sar-Pontepedriña como o periférico son titularidade de Fomento". En calquera caso, dixo, "as conexións de tráfico serán recollidas no Plan Especial, o cal debe ser conformado pola comisión de seguimento do proxecto, algo que se incluíu no convenio precisamente a petición da Consellería".

Indicou que xa se prevé a ampliación a catro carrís do vieiro Sar-Pontepedriña e que, se hai que realizar outras actuacións, estas deberán recollerse no mencionado Plan Especial. "E na comisión de seguimento que deberá conformar o Plan estará a Consellería", engadiu.

"Espero que a Comunidade Autónoma tome decisións positivas para resolver este problema. Se queren algunha aclaración que a pida, pero o que teñen que aclarar é se van cumprir co seu compromiso no acordo ou non", afirmou. Con todo, expresou a súa "confianza en que o conselleiro lle dea solución a este tema".

Compartir: