EDUCACIÓN

O Concello achega 13.000 euros para o financiamento do Bacharelato Internacional

26/10/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou un convenio de colaboración co director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda, para o financiamento do Bacharelato Internacional. En virtude deste convenio, a entidade municipal achega 13.042 euros.

O Concello, co obxecto de propiciar e apoiar aquelas iniciativas que redunden na mellora das ofertas educativas dos cidadáns de Santiago, sobre todo dos máis novos, considera que é de interese apoiar ao IES Rosalía de Castro para o desenvolvemento do Bacharelato Internacional que se está a ofertar neste centro dende o curso 1989-1990, polo que xa son 21 as promocións que teñen saído neste centro.

Precisamente, tras o acto de sinatura, o alcalde lembrou o comezo do apoio municipal a este Bacharelato Internacional. "Empezamos no 89 pensando que outra Administración nos terminaría relevando, pero non sucedeu así", indicou Sánchez Bugallo, para quen este apoio é en realidade "unha colaboración con todo o ensino público". Pola súa parte, Ubaldo Rueda resaltou os "resultados espectaculares" deste Bacharelato Internacional, avalados incluso por premios estatais e internacionais a alumnos do mesmo.

Mobilidade cultural e xeográfica
O Bacharelato Internacional foi creado hai máis de trinta anos pola Organización do Bacharelato Internacional (OBI) que é unha fundación educativa privada non gobernamental, sen ánimo de lucro, recoñecida polo Consello de Europa. Ten a súa sede en Suíza e ofrece o Programa do Diploma para os estudantes dos dous últimos anos de educación secundaria. Conta co auspicio da Unesco e de importantes fundacións internacionais. Ademais, involucra aproximadamente a 1.000 colexios e institucións en máis de 100 países.

O seu currículo prepara para a obtención do Diploma e para a obtención do Bacharelato LOXSE nunha condicións moi completas, que permiten aos seus graduados cumprir cos requisitos de varios sistemas nacionais de educación. O modelo do seu programa de estudios non se basea no de ningún país, aínda que integra os mellores elementos de moitos deles.

Os obxectivos xerais do Bacharelato Internacional son os de formar estudantes cunha educación equilibrada, co fin de facilitar a súa mobilidade cultural e xeográfica e promover o entendemento internacional a través da participación nunha experiencia académica. Para participar nesta modalidade de bacharelato a OBI cobra unha serie de taxas de inscrición, de matrícula do alumnado e das materias cursadas, que para este curso 2009-2010 son as seguintes: taxa anual (por centro), 5.900 euros; taxa por alumno/a, 84 euros; taxa por materias, 13.680 euros. En total son 22.100 euros.

O Concello aportará unha cantidade de 13.042 euros para sufragar os custes desta modalidade de ensino.

Compartir: