IGUALDADE

O III Plan de Igualdade artella as intervencións en materia de xénero para o período 2009-2010

26/10/2009 A Concellería de Benestar Social e Igualdade vén de elaborar o III Plan de Igualdade, que afonda e mellora as liñas de traballo xa existentes en prol da igualdade. De acordo á realidade cambiante ás novas necesidades, o Plan traza rotas a seguir en ámbitos como a educación e o emprego, a mocidade, o asociacionismo ou a prevención da violencia de xénero.

A titular de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, presentou este III Plan de Igualdade, que se marca como horizonte temporal o período 2009-2011. O programa susténtase no artellamento de políticas de xénero que se acheguen a toda a poboación. Para iso, trázanse intervencións directas e indirectas que deben aplicarse nos diversos espazos e tempos nos que se distribúe e se desenvolve a vida das mulleres e dos homes.

Este é un Plan que nace consciente dos diversos espazos e tempos que se relacionan entre si nesta materia. Por iso, a implantación das diversas medidas esixe unha participación conxunta, tanto de todas as concellerías como das diversas entidades cívicas e cidadás.

Esfera convivencial
O programa establece catro esferas de intervención: convivencial, laboral, sociocomunitaria e de cooperación institucional.

Na esfera convivencial, o obxectivo xeral é promover o cambio de estereotipos e roles de xénero para fomentar relacións igualitarias no ámbito de convivencia. Partindo deste punto, apóstase por impulsar a corresponsabilidade entre mulleres e homes no ámbito de desenvolvemento persoal, doméstico e de coidados, e por erradicar a violencia contra as mulleres das relacións persoais e familiares. No ámbito da corresponsabilidade, a concelleira anunciou que está en marcha un estudo sobre o uso do tempo na cidade, xa que, segundo dixo, quérese ir máis alá da compatibilidade cos horarios escolares.

Tamén se propón incrementar os niveis de saúde das mulleres, potenciando o seu autocoidado, e impulsar melloras nas infraestruturas municipais para favorecer a igualdade nos ámbitos convivenciais. Puxo como exemplo destas infraestruturas, salas de lactancia materna ou espazos para o aparcamento dos carriños de bebés.

Esfera laboral
Xa no eido laboral, a meta é favorecer o acceso, a permanencia e a promoción das mulleres no ámbito laboral. Nesta dirección, os obxectivos son: incrementar os niveis de empregabilidade de mulleres con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social, ou promover a introdución do principio de igualdade nas empresas compostelás. A este respecto, apuntou a posibilidade de primar nas contratacións municipais ás empresas nas que se cumpran eses principios de igualdade.

Igualmente, proponse estimular a participación plena das mulleres no ámbito do emprego, incentivando o emprendemento feminino, a diversificación profesional e o acceso a niveis directivos nas organizacións; potenciar a implantación de medidas empresariais que favorezan a conciliación da vida laboral, familiar e persoal; velar polo establecemento de condicións de saúde e hixiene no posto de traballo dende a perspectiva de xénero; e contribuír á erradicación de todo tipo de manifestación da violencia contra as mulleres no ámbito laboral.

Esfera sociocoumunitaria
Na esfera sociocomunitaria, a Concellería favorecerá a introdución do principio de igualdade en todas as áreas de desenvolvemento da vida cidadá, estimulando a participación plena de mulleres e homes e impulsando o labor das entidades e asociacións. Nesta materia concreta, búscase posibilitar un cambio de valores e modelos de socialización a través da educación e a formación, e contribuír á erradicación da violencia contra as mulleres no ámbito sociocomunitario. Tamén se incentivarán as achegas da mulleres aos ámbitos relacionados coa cultura e incrementaranse os niveis de saúde da poboación feminina compostelá

Esfera de cooperación institucional
Finalmente, no ámbito da cooperación institucional, o obxectivo trazado no Plan é consolidar as canles de cooperación interinstitucional para alcanzar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. Por este motivo, a Concellería establecerá e consolidará estruturas de coordinación interadministrativa para a aplicación do principio de igualdade e impulsará a coordinación intraadministrativa para a aplicación transversal de políticas de igualdade.

Compartir: