ALCALDÍA

Santiago homenaxeou a "Borobó"

24/10/2009 A Asociación de Periodistas de Santiago entregou o I Premio Raimundo García Domínguez, "Borobó", no transcurso do I Certame e Xornada de Periodismo de Opinión, celebrado na sede da Fundación Caixa Galicia. O gañador foi o xornalista Xabier Lama, autor do artigo Borobó contra Wallace Sousa, quen se impuxo nunha convocatoria á que concorreron máis de 50 artigos de opinión.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, clausurou esta Xornada e entregou o galardón a Xabier Lama. O premio consistía nun cheque de 4.000 euros e máis unha peza que representa unha pluma de ouro. As plumas de prata e bronce, como primeiro e segundo accésit, respectivamente, foron para Francisco Castro, por Borobó, despedido, e para Mercedes Gualteria Pintos Barreiro, por Carta do alén.

O Premio é unha homenaxe ao xornalista Raimundo García Domínguez, "Borobó", director no seu día do xornal vespertino La Noche. A Xornada comezou cunha mesa redonda en lembranza de "Borobó", na que interviron o coordinador do Certame, Benxamín Vázquez; o reporteiro gráfico da Xeración de La Noche, Emilio Lavandeira Prieto; o tamén xornalista e fillo do homenaxeado Raimundo García Paz; e o presidente da APSC, Luís Menéndez.

De seguido participaon como poñentes sobre "Periodismo de opinión, hoxe" Xavier Navaza, redactor de El Correo Gallego; Xosé Luís Barreiro Rivas, columnista de La Voz de Galicia; Magis Iglesias, cronista parlamentaria en Madrid e presidenta da Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE), e César Antonio Molina, profesor de Periodismo na Universidad Carlos III e ex ministro de Cultura.

Ademais do alcalde, participaron na clausura da xornada o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Rodríguez, e o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro.

Compartir: