CULTURA

"A cinta branca" de Michael Haneke, gañadora da Palma de Ouro en Cannes, abrirá a 23 edición de Cineuropa

23/10/2009 Da man de novembro chega a Compostela de novo o festival de cinema Cineuropa, organizado pola Concellaría de Cultura. Comezará o 4 de novembro a súa 23 edición coa estrea do esperado filme de Michael Haneke A cinta branca, gañador da Palma de Ouro no Festival de Cannes. Ademais de Haneke, na sección oficial do Festival, competirán polo premio do público outros 31 filmes, con títulos tan destacados coma Looking for Eric, de Ken Loach; Soul Kitchen, coa que Fatih Akin obtivo o premio á mellor dirección en Venecia; Edén ao oeste, de Costa-Gavras; Un profeta, de Jacques Audiard; Le refuge, de François Ozon ou Hadewich, de Bruno Dumont.

Da boa racha creativa que vive o cine lusitano darán fé Eugene Green con A religiosa portuguesa; Miguel Gomes, autor da multipremiada Aquele querido mes de agosto e o Premio Cineuropa Manoel de Oliveira, quen xa centenario, firma Singularidades de una rapariga loura. Do cinema español poderemos ver as máis recentes obras de veteranos coma Carlos Saura, (Io, Don Giovanni) e Vicente Aranda, (Luna caliente), ademais das dos "novísimos" Isaki Lacuesta, (Los condenados); Marc Recha (Petit Indi); Javier Rebollo (La mujer sin piano); e Adán Aliaga (Estigmas).

Cineuropa programa algúns dos derradeiros títulos revelación da temporada de festivais, entre eles a grega Kynodonyas (gañadora de Un certain regard en Cannes), a británica Fish Tank e a rumana Elevator. A sección dedicada ao cinema asiático vira co tirón de nomes como Takeshi Kitano, de quen se poderán ver as súas dúas últimas cintas, Aquiles e a tartaruga e Glory to the filmaker; Naomi Kawase, de quen se presenta Nanayo e o filipino Brillante Mendoza (Serbis).

Outra das panorámicas do festival que se asentou xa nas súas últimas edicións, a dedicada aos documentais musicais, contará con filmes tan controvertidos como Who killed Nancy, sobre a morte violenta da compañeira de Sid Vicious; A agonía e o extáse de Phil Spector; a moi premiada Kerouac Big Sur ou a recuperación de Let’s get lost, obra mestra de Bruce Webber sobre Chet Baker. A retrospectiva sobre un autor europeo que o festival programa cada ano terá nesta edición dous nomes no seu cartel, xa que estará dedicada á filmografía completa do autor de Conto de Nadal, Arnaud Desplechin, e ás obras da última década da tamén francesa Claire Denis. Son dous dos nomes capitais da chamada "contraola".

Michael Moore e Capitalism, a love story
A 23ª edición de Cineuropa será tamén a da premiere de Capitalism, a love story, a volta por todo o alto de Michael Moore á primeira plana, cun feroz documento que explica a súa sarcástica visión de por qué se produciu o caos financeiro do sistema. O filme, o de maior éxito de Moore dende Bowling for Columbine, é un órdago aos poderes financeiros, que xa volven repartir beneficios desmesurados, e a súa fórmula de alternar humor con calculados golpes de efecto convertérono en fenómeno sociolóxico deste outono nos Estados Unidos.

Compartir: