ALCALDÍA

O alcalde demanda a sinatura inmediata do convenio da estación do AVE

23/10/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, indicou en rolda de prensa que todas as propostas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a propósito da estación do AVE, "foron escoitadas e incorporadas ao convenio. Por este motivo, sinalou que "non hai ningunha xustificación para non asinar xa este convenio", polo que agarda que esta firma se produza "a ser posible, na primeira semana de novembro".

Sánchez Bugallo insistiu en que na reunión mantida esta semana en Madrid foron aceptadas todas as aclaracións solicitadas pola Consellería...e mesmo a última pendente foi aclarada por el mesmo ao conselleiro. "Pedimos a Fomento e a ADIF que aceptaran as suxestións que lles afectaban a eles e nós aceptamos a que nos afectaba a nós", reiterou.

Sobre as propostas da Xunta para o convenio, o alcalde citou que a futura estación de autobuses quede integrada na estación intermodal ou a modificación no PXOM do ámbito da actual estación para que esta acolla oficinas da Administración autonómica. Tamén se recolleu unha petición relativa a que a comisión de seguimento dea o visto bo á modificación do Plan Especial do ámbito da estación intermodal. En calquera caso, dixo, "todas estas cuestións non alteran o contido do convenio, unicamente clarifican".

Igualmente, queda establecido que será a Xunta de Galicia a encargada de financiar a construción da estación de autobuses. A este respecto, a única cuestión que quedará por aclarar, e que se podería facer a través dun protocolo entre Xunta e Concello, é a titularidade da xestión da futura estación. O alcalde indicou que "nos gustaría que a xestionase o Concello".

Albergue de Belvís
A propósito doutra infraestrutura, o albergue de Belvís, Sánchez Bugallo anunciou que a Xunta de Goberno do martes 27 aprobará inicialmente a modificación puntual do Plan Especial deste ámbito para permitir a súa construción.

Recordou o alcalde que esta actuación arrincara en maio de 2007, cando o Concello e a Arquiconfraría do Apóstolo asinaran o convenio para a construción deste albergue e a modificación do Plan Especial. A solicitude formal presentáraa o Arcebispado o 27 de febreiro de 2008. "A partir de aí empezou un proceso complexo, no que os arquitectos de ambas partes tiveron que buscar o encaixe para reducir o impacto visual e o mellor edificio posible", afirmou. "E neste tempo tamén tivemos que xustificar a razón pola que o albergue non ía dentro do Seminario", engadiu. Os novos usos do Seminario ou o valor arquitectónico do novo edificio serviron xustificaron a necesidade dun albergue independente.

Sánchez Bugallo confirmou o apoio do Concello a esta iniciativa, se ben lembrou que Santiago xa ten dous albergues de titularidade pública, un en San Lázaro, construído no seu día polo Consorcio, e o do Monte do Gozo, ambos xestionados pola Xunta. A estes hai que engadir os de titularidade da Igrexa.

Compartir: