MEDIO AMBIENTE

O Concello promoverá a autocompostaxe

08/11/2005 A Concellería de Medio Ambiente distribuirá 75 composteiros e asesoramento técnico ás persoas que desexen facer compost nas súas casas, sempre que teñan horta ou xardín.

Os composteiros cederanse en depósito para a súa utilización ás persoas que dispoñan dunha vivenda con horta ou xardín, segundo se establecen nos criterios deste programa. Tamén poden solicitalos os centros de ensino. As persoas depositarias hanos de empregar correctamente, seguindo as instruccións dos técnicos.

Proximamente abrirase unha convocatoria pública a través dos medios de comunicación local a partir da cal se distribuirán os 75 composteiros, por orde de solicitude.

Preto da metade do lixo que se xera nos fogares é materia orgánica. Con ela pódese facer compost, un axeitado abono para os solos. A compostaxe é un proceso de fermentación aerobia que se pode facer a nivel de fogar ou a nivel dos residuos orgánicos dunha poboación.

Un composteiro é unha estrutura de madeira ou de plástico onde depositar diariamente os residuos e mantelos aireados e parcialmente protexidos da chuvia, para que se transformen en compost.

A compostaxe domiciliaria é importante en vivendas illadas ou pequenos núcleos e onde non é doada a recollida nos camións ordinarios ou representa un gasto en transporte pouco asumíbel ecoloxicamente.

Compartir: