MEDIO AMBIENTE

O Consello Municipal do Medio Ambiente debate sobre o deseño dunha estratexia verde para Santiago de Compostela

22/10/2009 A exposición da elaboración dunha estratexia verde foi o tema central de debate da última sesión do Consello Municipal do Medio Ambiente, presidido pola concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos. O profesor da Escola de Arquitectura da Universitat Politécnica de Catalunya Albert Cuchí foi o encargado de presentar as bases teóricas para o deseño da estratexia, en calidade de coordenador do grupo de traballo que está a elaborala.

O profesor Cuchí, experto en edificacións sustentables e xestión da auga, indicou que "o obxecto deste traballo é conformar unha visión global do conxunto de espazos naturais, a partir da súa distribución territorial, estrutura e funcións, para que a cidade continúe a avanzar cara a sustentabilidade". A estratexia verde de Compostela "tería que funcionar como o marco teórico do futuro desenvolvemento e da xestión dos espazos verdes de Santiago" colocando como exemplo o próximo parque das Brañas de Sar, "onde se poden aproveitar as condicións naturais actuais dese contorno para potencialas, poñelas en valor e que sexan a base desa nova zona verde da cidade".

Auga e espazos naturais
No relatorio de actuacións e proxectos realizados por Medio Ambiente de Santiago, Elvira Cienfuegos salientou as "obras de ampliación e melloras nas redes de abastecemento e saneamento, acometidas dende o Concello, moitas veces en colaboración con outras administracións". Tamén sobre a auga na cidade mencionouse a edición do folleto divulgativo A auga na historia da cidade e detalláronse as actuacións de conservación de fontes e lavadoiros no rural de Compostela.

A concelleira explicou tamén que "o plan director dos ríos de Santiago está a desenvolver xa a súa primeira fase; así, no Río Sarela alén dun polidíptico explicativo do roteiro polo río, nestes momentos estanse instalando unha serie de paneis informativos e balizas para guiar o camiño dos visitantes". Sobre outros espazos naturais da cidade deuse conta "do saneamento e acondicionamento das carballeiras de Nemenzo e Mourentán, da restauración da Selva Negra e do Monte de Deus, está última coa primeira fase xa finalizada e a piques de iniciarse a segunda" e adiantouse que xa "se está elaborando o borrador do Plan de prevención e defensa de incendios forestais de Compostela".

Zonas verdes públicas
Entrando a falar sobre as actuacións nos espazos verdes públicos salientouse "a instalación de novos equipamentos na Alameda, Laraño, Villestro, Salgueiriños, San Lázaro, Vidán e Verdía", ademais da "próxima adxudicación dun edificio de servizos no Parque Eugenio Granell e do proxecto en redacción da restauración do secadoiro de Belvís para transformalo nun centro de dinamización sociocultural". Outros proxectos que están a ser deseñados son tamén "o acondicionamento dos accesos ao Parque de Vista Alegre e, dentro do programa Urbana Santiago Norte, a comunicación peonil entre o Monte da Almáciga e o Parque de Bonaval".

Entre as actividades de difusión e dinamización das zonas verdes a edil destacou "a gran acollida e boa participación do I Concurso de balcóns da Cidade Histórica" e xa nun plano máis divulgativo presentouse no Consello "as dúas primeiras guías de parques de Santiago, concretamente da Granxa do Xesto e do Monte da Almáciga" e da instalación "de vinte paneis informativos sobre os parques da cidade, que nun futuro serán a base para un libro sobre as zonas verdes".

Compartir: