FACENDA

O solo urbano increméntase nun 79% como resultado da última revisión catastral

22/10/2009 Como resultado da última revisión catastral, establecéronse novos valores para a totalidade dos inmobles do termino municipal de Santiago de Compostela. A media do valor catastral dun inmoble residencial pasa de 43.834 euros a 70.134, un incremento dun 60% que será distribuído nos próximos dez anos. O solo urbano medra nun 79%.

A concelleira de Facenda e Orzamentos, Rosa Fernández, explicou estas modificacións catastrais, aclarando que esta revisión responde á esixencia da Lei do Castastro Inmobiliario de revisar os valores cando se altere o planeamento urbanístico ou cando teñan transcorridos dez anos dende a ultima valoración, En Santiago danse as dúas circunstancias simultaneamente.

A revisión do PXOM clasifica novos solos urbanos, urbanizables e de núcleo rural incrementando a capacidade residencial, ademais de variar a clasificación e categoría dalgúns solos xa clasificados do anterior plan. Os solos clasificados como urbanos, urbanizables ou de núcleo rural teñen a consideración a efectos catastrais de solo de natureza urbana.

Como resultado desta ampliación e variación na clasificación do solo na Revisión do PXOM, incorpórase unha gran cantidade de solo de natureza urbana, que antes da aprobación da Revisión do PXOM era solo rústico. Deste xeito, a superficie catastrada de natureza urbana era ata agora de 1.950 hectáreas, que pasan a ser 3.493 hectáreas. Deste xeito, a superficie urbana incrementouse nun 79%.

En canto ás unidades catastrais, co anterior existían 79.500 inmobles dos que habería que restar 1.800 que pasan a considerarse rústicos. Pásase a ter 82.400 unidades, é dicir, incrementáronse un 7,3%.

RESUMO DA CAPACIDADE RESIDENCIAL DO PLAN Nº DE VIVENDAS

PLANEAMENTO SUBSISTENTE.............. 6.476
SOLO URBANO CONSOLIDADO........... 5.015
SOLO URBANO NON CONSOLIDADO.... 2.209
SOLO URBANIZABLE DELIMITADO...... 13.885
SOLO URBANIZABLE DIFERIDO........... 5.728
SOLO DE NÚCLEO RURAL................... 3.875

TOTAL NOVAS VIVENDAS.............. 37.188

Polo que se refire ao valor catastral total, pásase de 3.827 millóns a 6.138 millóns, rexistrándose un incremento do 6%. Ademais, a media do valor catastral dun inmoble residencial pasa de 43.834 a 70.134 euros. Isto supón un incremento dun 60% que será distribuído nos próximos dez anos:

- Ano 2009, valor catastral 43.834, base liquidable 43.834, cota 263 euros.

- Ano 2010, valor catastral 70.134, base liquidable 46.464, cota 278 euros (5,7%).

- Ano 2011, valor catastral 70.134, base liquidable 49.094, cota 294 euros (5,7%).

Á vista disto, a cota tributaria vai supor un incremento medio do 5,7% anual.

Criterios
O valor catastral é o determinado obxectivamente para cada inmoble a partires dos datos que figuran no Catastro Inmobiliario, e comprende o valor catastral do solo e o valor catastral das construcións. Para a determinación do valor catastral téñense en conta os seguintes criterios:

• A localización do inmoble, as circunstancias urbanísticas que afecten ao solo e a súa aptitude para a produción.
• O custe de execución material das construcións (honorarios, tributos, etc).
• Os gastos de produción e beneficios da actividade empresarial de promoción.
• As circunstancias e valores do mercado.
• Calquera outro factor relevante que regulamentariamente se determine.

Información pública
Finalizado este proceso, en cumprimento da normativa legal, a Dirección Xeral do Catastro está notificando a todos os titulares de inmobles rústicos ou urbanos do Concello de Santiago de Compostela os novos valores catastrais.

Ábrese agora o proceso de información pública e de alegacións por parte dos interesados. Para este proceso de información a partir do día 2 de novembro estará habilitada na casa das asociacións unha oficina que funcionará de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas e os martes e xoves de 16:00 a 18:00 horas.

Compartir: