PROMOCIÓN ECONÓMICA

A Xornada Emprende en Compostela contará cun espazo para conectarse a Red Trabaj@

21/10/2009 A IV Xornada Emprende en Compostela, que se celebrará o 27 de outubro no Pazo de Congresos de Santiago, organizada pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e por Bic Galicia, contará cun espazo específico destinado a Red Trabaj@, no que se instalarán oito ordenadores con conexión á nova web do Ministerio de Traballo e Inmigración: www.redtrabaja.es.

Esta páxina ten como obxectivo facilitar a procura de emprego á cidadanía, ofrecendo recursos e servizos en liña para persoas desempregadas, empresas, persoas ocupadas e empresariado. As persoas que acceden á esta web poderán informarse sobre o seu funcionamento e os servizos que ofrece, e incluso, tramitar algún deses servizos sempre que teñan DNI electrónico. A incorporación deste espazo xorde despois da reunión celebrada en Madrid entre a secretaria xeneral de Emprego, Maravillas Rojo, e responsables de REDEL, a Rede de Entidades para o Desenvolvemento Local, entre os que se atopaba o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias.

O obxectivo da IV Xornada Emprende en Compostela, enmarcada no programa Compostela Activa, que depende do Servizo de Apoio á Empresa que presta a Concellaría de Promoción Económica, é fomentar a cultura emprendedora mediante un encontro no que participan distintas organizacións vinculadas ao emprendemento e ao desenvolvemento do emprego en Santiago. Está dirixida a persoas interesadas en desenvolver un proxecto empresarial nos vindeiros anos e ás que acaban de montar un negocio. A asistencia é de balde.

A xornada conta xa con 253 persoas inscritas. O venres 23 péchase o formulario de inscrición habilitado na web de Promoción Económica: www.maiscompostela.org. A partires desa data, as persoas interesadas en asistir deberán apuntarse o mesmo día do encontro no mostrador de recepción.

Programa de actividades
Baixo a denominación Estratexias para o emprendemento en tempos de crise, o programa de actividades está concebido dun xeito práctico e didáctico, para que os asistentes poidan intervir e intercambiar experiencias e coñecementos. As persoas inscritas poderán participar en distintos obradoiros para o emprendemento; coñecer as novas axudas e estratexias para montar un negocio en tempos de crise, distintas iniciativas de cooperación empresarial, a experiencia de novas empresas; e asistir á actuación de Carlos Blanco.

Despois deste acto lúdico terá lugar un xantar de traballo da Rede de Cooperación Local, un programa que ten como finalidade favorecer a competitividade e a innovación do tecido industrial de Compostela a través da colaboración entre administracións, o mundo empresarial e a USC. Esta comida-encontro está destinada a entidades ou empresas que colaboren ou sexan usuarias dalgún dos servizos da Concellaría de Promoción Económica ou dos viveiros de empresas da Cámara de Comercio e da USC.

Todas as persoas que asistan á xornada recibirán, de balde, unha bandoleira con material sobre emprendemento, entre o que figura un lápiz de memoria de 2 GB con información sobre oportunidades de negocio e constitución de novas empresas. Ademáis, Promoción Económica disporá dun Punto de Asesoramento para persoas emprendedoras, con información sobre o Servizo de Apoio á Empresa e iniciativas locais de emprego. Para asistir ao encontro fletaránse dous autobuses gratuítos.

A IV Xornada Emprende en Compostela, organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Bic Galicia, está cofinanciada pola Deputación de A Coruña. Conta coa colaboración das seguintes entidades: AJE Marineda, Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia, Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, Em Rede (Rede de Iniciativas Empresariais de Compostela e Comarca), USC (UNINOVA), Obra Social Caixa Galicia, La Caixa e a empresa Artefacto Producciones.

Compartir: