CIDADE HISTÓRICA

As obras da calzada de Santo Antón potenciarán o espazo público cuns singulares patíns

21/10/2009 A concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, Olga Pedreira, e o arquitecto e xefe do servizo da Oficina de Cidade Histórica e Rehabilitación, Javier Fernández, presentaron o proxecto de reurbanización da calzada de Santo Antón, no Barrio de Belvís. Esta actuación forma parte dunha serie de obras que se están a acometer ou se acometerán na Cidade Histórica e que suporán unha importante mellora urbana.

Olga Pedreira explicou que "a reurbanización recuperará a rúa como espazo público e, así, colocarase mobiliario urbano e árbores de pequeno tamaño". A obra, que prevé o soterramento de todos os servizos, ten un orzamento de 207.215 euros e un prazo de execución previsto de tres meses, aínda que a empresa adxudicataria, Extraco, ofertou dous meses.

As propias condicións desta rúa fan que se tiveran que buscar solucións prácticas para a súa reurbanización. Así, no ámbito distínguense tres zonas claramente diferenciadas: s vía de acceso aos garaxes de Leste a Oeste; os patíns no lado Norte; e o espazo de encontro co Campo de Santo Antón, no lado Oeste. Presenta dous garaxes nos patíns, catro no lado Sur e un último garaxe xa no encontro co campo de Santo Antón.

A pesares do elevado número de garaxes aos que hai que dar servizo, quérese potenciar o carácter peonil da rúa fronte ao rodado, para primar o carácter de espazo público. É por isto que se levanta o nivel de acceso á rúa no seu lado Leste, convertendo toda a vía de entrada aos garaxes nunha beirarrúa dotándoa dun pavimento continuo de lastra.

Novo mobiliario e pequenas árbores
No seu lado Oeste, lugar de encontro co campo de Santo Antón, a rúa adquire un carácter claramente estancial. Así, colócase mobiliario urbano, cámbiase o pavimento de lastra a pedra e, a maiores, poténciase ese caracter coa colocación de árbores que enlazan coas que sobresaen tras o muro de Don Bosco. Refórzase o carácter peonil e estancial da rúa tamén mediante a diferenza de nivel co campo de Santo Antón ao ser este un eixe de circulación fundamental no barrio e que non pode eludir o seu carácter claramente rodado.

Considéranse os patíns un elemento urbano singular, de gran complexidade, ao estar claramente condicionados polos accesos ás vivendas (rodados e peonís) e por ser o elemento de transición entre estes e a pendente da rúa. Os patíns permiten o acordo coa topografía de maneira que se converten en lugares de estanza, privilexiados polas vistas, a orientación e o sol e coa dotación de bancos e árbores de escaso porte. Incluso no da zona alta se sitúa un espazo con sombra para que os veciños poidan utilizalo como espazo de lecer. Cada un dos saltos de nivel que conforman os seis patíns resultantes resólvense con muros de pedra labrada pavimentándose o espazo interior con lastra.

Compartir: