ALCALDÍA

O alcalde agarda algunha solución parlamentaria á minoración de fondos para o Consorcio nos orzamentos da Xunta

20/10/2009 Despois dunha primeira análise da proposta de orzamentos da Xunta de Galicia, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, analizou aquelas partidas que afectan á cidade de Santiago. Amosouse satisfeito con asignacións como as da Cidade da Cultura e expresou a súa preocupación pola minoración de fondos para o Consorcio de Santiago.

Sánchez Bugallo manifestou a súa queixa sobre "importante rebaixa" –2 millóns de euros- das transferencias que a Xunta realiza ao Consorcio, que neste caso están destinadas a obras. "Espero que este tema teña algunha solución no trámite parlamentario", dixo, recordando que, nos últimos anos, vén medrando a porcentaxe do Concello no financiamento do Consorcio.

Sobre a Cidade da Cultura, o alcalde cualificou como "correcto" que se priorice "a urbanización, acabar o xa empezado e as conexións coa cidade". "Son aspectos contrastados e consensuados coa Alcaldía", engadiu. Non obstante, indicou a súa preocupación porque aínda non se lle poña data de remate aos edificios pendentes. "Eu poñería o 2015-2016, que representan a suma dos 57 meses que se necesitan para o edificio máis complexo, o antigo teatro da música, tendo en conta que no se comezará antes de 2011". Apuntou o mesmo prazo desexable para o Museo de Novas Tecnoloxías.

Considerou igualmente positivo que se vaia comezar un estudo sobre o metro lixeiro, "coherente co que faremos nós". Pero afirmou que a previsión de 5 millóns de euros en catro anos "non é realista", xa que a estimación é que "custará 8 millóns de euros cada quilómetro". Tendo en conta as tres liñas que se pretende implantar, prognosticou un orzamento necesario duns 200 millóns de euros.

Tamén lle pareceron "correctas" as partidas destinadas ao polígono da Sionlla ou ás infraestruturas viarias do entorno", pero lamentou a ausencia dunha asignación para a nova sede de Escola Oficial de Idiomas. Respecto ao centro de saúde do centro histórico, dixo non ter visto un orzamento como tal, pero agarda que estea contemplado nalgunha outra partida. Nesta materia sanitaria, anunciou que o próximo obxectivo será un centro de saúde en Conxo.

Compartir: