ALCALDÍA

Un estudo define como tranquila a vida recreativa en Santiago de Compostela

20/10/2009 Presentouse en Raxoi o estudo A vida recreativa en Santiago de Compostela: análise do estado da situación e propostas para previr os factores e as condutas de risco asociadas á mesma, encargado polo Concello e realizado pola Universidade de Santiago. Este traballo será presentado no marco do Foro polo Civismo e servirá de marco de análise para a formulación de posibles novas medidas en relación a temas como o botellón.

O estudo fai unha análise detallada da vida recreativa e dos seus actores na cidade e propón as medidas necesarias para evitar as situacións e condutas de risco dos usuarios da noite. A partir deste traballo, o seu autor, o profesor Elisardo Becoña Iglesias, da Facultade de Psicoloxía, definiu a marcha en Santiago como "tranquila e relaxada", malia a percepción de "excesiva" que se adoita ter dela nalgúns momentos.

Entre os aspectos positivos da vida recreativa, o estudo cita algúns como a xeración de ingresos, a atracción de xente de fóra ou como elemento de socialización. Entre os negativos apúntase o consumo abusivo de alcohol, o incivismo, os riscos e consecuencias para a saúde, as queixas dos veciños ou unha mala imaxe da cidade, ademais dos custos negativos derivados da movida.

O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, referiuse a estes aspectos negativos, referíndose primeiro aos problemas de convivencia: limpeza, ruídos, incomodidades. Neste aspecto, indicou que a marcha nocturna "non xera danos importantes en Santiago no que se refire á destrución de mobiliario" e indicou que dos preto de 200.000 euros que por esta materia se xeran cada ano no Concello, máis da metade son derivados de accidentes de tráfico".

Ao respecto da la limpeza, resaltou o esforzo sancionador que se está a realizar para combater o problema dos ouriños na vía pública, con multas entre os 100 e os 300 euros. Tamén se referiu ao labor realizado para desprazar o problema "a zonas con menos conflitividade", polo que "hoxe practicamente non hai botellón en rúas ou prazas da cidade". Con todo, dixo Sánchez Bugallo, "o principal problema segue a ser o que afecta á calidade de vida e á saúde dos nosos mozos".

Protexer e orientar
Para combater todo os aspectos negativos, o alcalde afirmou que o obxectivo fundamental segue a ser "protexer e orientar". Nese sentido, destacou a importancia da "formación e concienciación de mozos, pais e comunidade educativa".

A estas medidas e accións a poñer en marcha tamén dedica un amplo capítulo o estudo: accións informativas e educativas, accións preventivas, accións destinadas ao cumprimento das normativas existentes, accións de potenciación do ocio e tempo libre, criba de grupos e persoas en alto risco e a consecución da colaboración da industria hostaleira e do tempo libre.

Na presentación do traballo interveu tamén Manuel Aguilar, en representación da Fundación Caixa Galicia, colaboradora neste proxecto. Este destacou a importancia do estudo para detectar os problemas asociados a fenómenos como o botellón e a conveniencia de "trasladar valores cívicos, comunitarios e persoais".

O Estudo será sometido á análise no Foro polo Civismo, que extraerá conclusións do mesmo. Se así se acordase, o alcalde non descartou futuras modificacións da actual ordenanza de convivencia ou outras medidas da competencia do Concello.

A vida recreativa en Santiago de Compostela: análise do estado da situación e propostas para previr os factores e as condutas de risco asociadas á mesma, é un estudo auspiciado pola Concellaría de Benestar Social e Igualdade, coa colaboración da Fundación Caixa Galicia, e realizado pola Universidade de Santiago, concretamente polo profesor Elisardo Becoña Iglesias e o seu equipo da Facultade de Psicoloxía.

Documentos relacionados



Compartir: