PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica, na presentación dun novo proxecto estatal para a busca de emprego en liña

19/10/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, asistiu na sede do Ministerio de Traballo e Inmigración, en Madrid, acompañado dun técnico de emprego, á presentación de Red Trabaja. A secretaria xeral de Emprego, Maravillas Rojo, explicouos detalles do proxecto aos responsables das entidades que integran REDEL, a Rede de Entidades para o Desenvolvemento Local.

Red Trabaja, proxecto presentado polo Goberno o venres 16 de outubro, é un paso máis na coñecida como administracion electrónica e ten como obxectivo facilitar a procura de emprego á cidadanía, ofrecendo recursos e servizos en liña para persoas desempregadas, empresas, persoas ocupadas e empresariado. Ademais permite ás persoas desempregadas solicitar a súa prestación sen ter que acudir ás oficinas do INEM e serve, ademais, como punto de encontro entre quen ofrece un emprego e quen o demanda.

REDEL é unha entidade supramunicipal que ten como obxectivo reflexionar sobre aspectos clave no desenvolvemento local como políticas económicas e industriais, competitividade, innovación, coñecemento, políticas activas de emprego, inserción laboral, etc, para construír un modelo dende unha identidade común. Esta rede tamén se configura como un instrumento para actuar conxuntamente ante entidades públicas e privadas coa finalidade de impulsar o desenvolvemento local e comarcal; deseñar, desenvolver e executar proxectos; e intercambiar experiencias e coñecementos para innovar e incrementar a eficacia das entidades locais.

Ademais do Concello de Santiago, que é un dos socios fundadores, REDEL está integrada polas seguintes entidades de desenvolvemento local: Barcelona Activa, IMFOF-Mallorca, Getafe Iniciativas, Agencia Local de Promoción Económica y Empleo de Gijón, Sevilla Global, IMEFEZ-Zaragoza, e Garapen. A presidencia exércea a entidade vasca Garapén, a vicepresidencia Barcelona Activa e a secretaría e tesourería a Agencia Local de Promoción Económica y Empleo de Gijón.

Antes do encontro coa secretaria xeral de Emprego, os representantes de REDEL celebraron unha asemblea na que se estudou o Plan de Actuación 2010, que contempla o desenvolvemento de accións conxuntas e a realización de distintos proxectos de interese común para as entidades participantes. Estes proxectos están relacionados co emprendemento, coas competencias de formadores de programas de formacion e emprego ou co fomento da economía social.

Compartir: