CIDADE HISTÓRICA E REHABILITACIÓN

Olga Pedreira presenta os traballos de limpeza e consolidación do xacemento arqueolóxico do Castelo da Rocha

16/10/2009 Os restos arqueolóxicos do Castelo da Rocha son a testemuña dunha das partes máis interesante da Historia medieval de Santiago da que aínda resta moito por coñecer. Olga Pedreira explicou hoxe as medidas que desde a Concellaría de Cidade Histórica e Rehabilitación van levar adiante para limpar e consolidar o xacemento arqueolóxico para que no futuro poda ampliarse o seu estudo. Durante a súa intervención estivo acompañada pola arqueóloga municipal, Dolores Cerqueiro Landín

Olga Pedreira indicou como "para abordar os traballos futuros no xacemento, coa maior calidade e eficacia posible, o pasado ano xa contratamos a redacción dun anteproxecto valorativo para a conservación e posta en valor do Castelo da Rocha Forte que define o programa de intervencións no xacemento a curto e medio prazo". Así "tendo en conta o estado actual do xacemento, neste programa priorizamos os traballos de limpeza e consolidación, labores que son, ademais, imprescindibles para o posterior estudo do xacemento, a exhumación das súas estruturas e restos materiais e a súa posta en valor" tal e como manifestou a edil.

A concelleira tamén concretou como serán as intervencións que se van acometer "a partir do próximo día vinte deste mes comezará o desbroce e limpeza do xacemento con medios manuais e mecánicos, realizarase unha limpeza manual da cuberta vexetal do interior dos recintos amurallados, identificarase e clasificarase o acopio das escombreiras de pedra, este traballo realizarase previamente ás labores de restauración e consolidación para reaproveitar os líticos que sexa posible para tal fin" engandindo que "farase tamén unha escavación de gabia para a drenaxe e caracterización do xacemento nas zonas onde se estanca, estacionalmente, gran cantidade de auga e por último consolidaranse as estruturas xa escavadas e, polo tanto, visíbeis".

Os traballos de campo terán unha duración máxima de 2,5 meses e o seu custe total estimado ascende a 100.498,92 €.

Un pouco de Historia
O Castelo da Rocha foi construído no ano 1240 sendo destruído, por primeira vez, durante as revoltas composteláns contra o Bispo de Landoire. Reconstruído no ano 1319 foi de novo destruído en 1466, na terceira guerra irmandiña. Esta vez a fortaleza xa non foi reconstruída, servindo a súa pedra para a construción dunha fortaleza no Pico Sacro e dalgunhas casas próximas á actual Rocha Vella.

Pola súa localización, o castelo dominaba a antiga vía Santiago-Padrón e o antigo camiño de Noia, é dicir, controlaba todo o tránsito de mercadorías e persoas que entraban e saían de Santiago polo Sur e Suroeste. Ademais desta función de control, e da propiamente residencial, a fortaleza cumpría dous obxectivos defensivos importantes: por unha banda, defendía á cidade das ameazas exteriores;e por outra, defendía os seus donos da propia cidade xa que en mais duna ocasión os arcebispos tiveron que refuxiarse aquí dos ataques dos seus súbditos. As fontes documentais mais antigas referidas ao Castelo da Rocha describen o asentamento como unha fortaleza rodeada por tres murallas, cunha torre de homenaxe de catro amdares, unha ermida e nove torreóns. O conxunto, delimitado por un foxo, dispoñía, tamén, de "dúas cabas" e unha "mina" que conducía ao río.

Compartir: