ALCALDÍA

O Concello concede a Medalla de Ouro da Cidade a Gerardo Fernández Albor e noméao Fillo Predilecto

16/10/2009 O ex-presidente da Xunta de Galicia Gerardo Fernández Albor recibirá esta tarde, a partir das 19.00 h, no Hostal dos Reis Católicos a Medalla de Ouro da Cidade ao Mérito Cidadán de mans do alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo. Tamén será nomeado Fillo Predilecto.

A proposta do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, o pleno municipal ordinario do pasado mes de xullo acordou por unanimidade a concesión da medalla de ouro da cidade ao doutor Gerardo Fernández Albor, primeiro presidente da Xunta de Galicia. O alcalde fixo esta proposta "en recoñecemento ao seu extraordinario traballo como profesional da medicina, á súa contribución ao diálogo e encontro entre os diferentes sectores sociais e políticos de Galicia e de Santiago en particular, así como pola súa intervención para a designación de Santiago como sede das institucións autonómicas".

Con este nomeamento, o Concello pretende "render homenaxe a unha persoa que como primeiro presidente da principal institución autonómica contribuíu decisivamente ao desenvolvemento do Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado no ano 1981, e á consolidación dos principios democráticos inspiradores do Estado das Autonomías na nosa comunidade e por extensión na comunidade europea, así como pola súa activa participación na vida política, social e cultural da cidade, colaborando e participando na creación de numerosas institucións e entidades que perduran na actualidade".

Gerardo Fernández Albor únese así ao grupo de persoas e institucións que teñen xa recibido esta distinción do Concello de Santiago. Os últimos en recollela foron o empresario José Castro Suárez, fundador e presidente de Castrosúa, o 4 de xuño de 2009, e o Museo do Pobo Galego, o 15 de febreiro de 2008.

Compartir: