MEDIO AMBIENTE

Un estudo multidisplinar será a base para realizar o Plan director dos ríos de Compostela

15/10/2009 A concelleira do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel de Santiago, Elvira Cienfuegos, presentou o inicio do estudo para a redacción dun plan director dos ríos de Compostela. Segundo explicou a edil o proxecto está financiado pola Consellaría de Traballo da Xunta de Galicia, a través do programa operativo europeo Adaptabilidade e emprego. Na presentación estivo acompañada por dous dos membros da equipa que desenvolverán os traballos, o biólogo Asier Rodríguez Larrinaga e o xeógrafo Javier Asorey.

Elvira Cienfuegos indicou que o estudo será realizado por "un equipo de traballo multidisplinar, formado por un biólogo, un xeógrafo, un enxeñeiro técnico, unha técnico superior en xestión e organización de recursos naturais e unha titulada en aplicacións informáticas, que desenvolverán o seu traballo durante seis meses e estarán coordenados co técnico de medio ambiente do Concello Anxel Pérez Otero e coa Estación Hidrobiolóxica do Con da USC".

Nesta primeira fase o traballo que se está a desenvolver constitúe a base do Plan director dos ríos de Compostela e ten como obxectivos "catalogar os recursos fluviais, coñecer o valor natural e o estado de conservación dos nosos ríos, determinar os principais problemas e ameazas, así como indicar os seus valores e as potencialidades, para finalmente propor actuacións a levar adiante para a mellor conservación e a súa posta en valor" tal e como explicou a concelleira do Medio Ambiente.

Para Elvira Cienfuegos "o obxectivo é que os resultados deste estudo sexan unha ferramenta moi valiosa para poder tomar decisións que incidan na función ambiental, social, cultural, turística e económica dos ríos de Santiago, porque os ríos son arterias de vida e fontes de recursos, que non convén desaproveitar" dado que "o estudo permitiranos unha aproximación ao coñecemento da rede fluvial, caracterizando o curso dos ríos, determinando a calidade das augas e das ribeiras, inventariando impactos e identificando enclaves de especial valor natural paisaxístico etnográfico ou cultural". Utilizaranse para todo isto distintos protocolos estandarizados a nivel europeo ao abeiro da Directiva Marco da Auga.

Un concello entre ríos
Compostela conta cunha basta rede fluvial de máis de 230 Km de ríos, con moitas ribeiras de gran valor natural como as dos ríos Tambre ou Sionlla, un valor xa recoñecido coa súa inclusión na Rede Natura, conxunto de espazos naturais de interese europeo.

A cidade de Santiago está situada entre os ríos Sar e Sarela, e o termo municipal con máis de 220 km cadrados de superficie, tamén se sitúa entre dúas grandes cuncas fluviais: a do Tambre, polo norte, e a do Ulla, río ao que alimentan as augas do Sar e do Santa Lucía, entre outros. A estes ríos hai que sumarlles outros moitos, tributarios dunha ou doutra cunca, ríos ás veces pouco coñecidos para quen non vive nas súas proximidades, como por exemplo o río Gatofero, na parroquia da Grixoa, o río de Roxos que no límite con Ames desemboca no Sar, ou o río do Porto que ao seu paso por San Lázaro verte as súas augas tamén no Sar, etc.

Compartir: