PROMOCIÓN ECONÓMICA

A Concellaría de Promoción Económica presenta un boletín de ofertas de emprego que se distribuirá de balde entre a cidadanía

15/10/2009 O Concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o primeiro número do Boletín de ofertas de emprego Máiscompostela. Esta publicación gratuíta, que ten unha tirada inicial de 1.000 exemplares, contén, nas súas oito páxinas, unha media de 170 ofertas.

Imprimirase a unha soia tinta, cambiando a cor en cada tirada, e distribuírase todos os martes e xoves da semana en lugares de alta afluencia de persoas: centros de saúde, oficinas de emprego, Servizos administrativos (oficina DNI, etc.) Centros Socioculturais, Oficinas municipais de Información á Cidadanía, bibliotecas, etc.

O Boletín de ofertas de emprego Máiscompostela nace co obxectivo de achegar a realidade laboral ás persoas demandantes de emprego, facilitándolle un maior contacto coas empresas e institucións que demandan persoal. Busca mellorar o coñecemento das oportunidades laborais existentes no mercado de traballo. Coa publicación do boletín dous días a semana preténdese axudar na busca activa de emprego ás persoas desempregadas ou as que queren mellorar as súas expectativas laborais ou de formación.

A publicación contén unha selección do total de ofertas de emprego, ofertas formativas e becas de distintos organismos, que se difunden a través da prensa escrita, portais de emprego e publicacións oficiais. Estas ofertas están estruturadas por ámbitos xeográfico para facilitar a búsqueda: comarca de Compostela e poboacións próximas, Galicia, Estado, e ofertas internacionais. Polo tanto, no boletín pódense atopar tanto ofertas de emprego, como oportunidades para a mellora da formación, ou ofertas de becas dos distintos organismos e entidades de carácter público de Galicia e do resto do Estado.

O Boletín de ofertas de emprego Máiscompostela enmárcase nas accións de orientación e intermediación laboral promovidas no marco do Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela, asinado pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego do Concello de Santiago, o 1 de abril de 2009, con outras seis entidades vinculadas ao mercado laboral: Universidade de Santiago de Compostela, as centrais sindicais, a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, a Asociación de Empresarios de Hostelería, e a Asociación Plataforma polo Emprego.

O Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela é o marco operativo das políticas de emprego e promoción económica desenvolvidas pola Concello de Santiago ata o ano 2011. O pacto ten como finalidade reducir as taxas de desemprego a través da creación de emprego de calidade en coordinación cos axentes económicos e sociais vinculados ao desenvolvemento do mercado laboral en Compostela. Para acadar este obxectivo, o PLE aposta por desenvolver programas de formación e inserción sociolaboral utilizando un sistema de orientación profesional persoalizado; por incrementar o volumen de servizos persoais a nenos/as, maiores, persoas discapacitadas, coidadores/as, mellorando así a cualificación dos profesionais do sector dos servizos personais; por favorecer a creación e desenvolvemento de novas empresas na cidade; e por acadar a concertación entre actores locais e destinatarios finais.

Compartir: