ALCALDÍA

O Concello colabora coa Asociación de Persoas Xordas no servizo de interpretación da linguaxe de signos

15/10/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou no Pazo de Raxoi un convenio de colaboración co vicepresidente da Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela, José Antonio Pais Freire. En virtude deste convenio, a entidade municipal aporta 8.500 euros para o servizo de intérprete de linguaxe de signos.

Este convenio ten por obxecto estabelecer os termos da colaboración entre as partes asinantes para o desenvolvemento do servizo de intérprete de linguaxe de signos española (LSE) así como da guía-intérprete de persoas xordocegas, dos que se beneficiarán unhas 300 persoas. O alcalde salientou a importancia do labor que desempeña a Asociación de Persoas Xordas na busca da integración social. Pola súa banda, o vicepresidente da mesma deu as grazas ao Concello porque toda axuda é benvida.

Para levar a efecto dito servizo, a Asociación de Personas Sordas de Santiago de Compostela contratará un intérprete que prestará servizos de interpretación de LSE tanto na asociación coma en todos aqueles organismos, centros e entidades, que así o soliciten, para deste xeito contribuír a fomentar a eliminación das barreiras de comunicación no municipio e facilitar ás persoas xordas ou xordocegas a realización de xestións imprescidibles e o exercicio dunha vida cotiá normalizada.

Así mesmo, a asociación, con base nesta colaboración, atenderá as demandas que lle sexan remitidas pola Concellería de Benestar Social e Muller do Concello de Santiago de Compostela. A sinatura do presente convenio non supón relacional laboral, funcionarial ou contractual de ningún tipo entre o Concello e o persoal contratado pola Asociación de Personas Sordas de Santiago de Compostela para desenvolver o programa obxecto do convenio.

Este servizo pretende favorecer a autonomía persoal das persoas xordas e xordocegas e a eliminación de barreiras de comunicación, así como impulsar a súa independencia para que poidan tomar decisións por eles mesmos. Tamén se quere dar facilidades de acceso á información fomentando así a participación das persoas xordas e favorecendo a igualdade de oportunidades.

Aos intérpretes de Lingua de Signos Española e aos guías-intérpretes requíreselles que manteñan en todo momento unha actitude imparcial, así como que respecten absolutamente o carácter confidencial da súa actividades; estes traballadores deben interpretar o total do expresado de maneira que o resultado se cinga fielmente á mensaxe orixinal. Deben realizar o seu traballo favorecendo unha comunicación o máis completa posible e adaptarse en cada caso ás habilidades comunicativas dos/as usuarios/as.

Compartir: