CULTURA

A soprano inglesa Joan Rodgers substitúe no concerto de mañá a Bernarda Fink, quen non pode actuar por causa dunha enfermidade

14/10/2009 Mañá clausúrase no Teatro Principal o Ciclo de Lied que, neste ano no que cumpre o seu décimo aniversario, obtivo un grande éxito artístico e de público. Protagonista de última hora deste concerto, xunto ao pianista Roger Vignoles, será a soprano inglesa Joan Rodgers. Substitúe á mezzosoprano arxentina Bernarda Fink que se viu obrigada onte a cancelar a súa participación a causa dun problema de oído que lle impide realizar viaxes en avión durante unhas semanas. Seis anos despois da súa participación na cuarta edición do Ciclo de Lied compostelá, Joan Rodgers regresa ao Teatro Principal. A soprano inglesa, sen dúbida unha das grandes damas do canto do seu país, conta con máis de vintecinco anos de exitosa e rigorosa carreira traballando con directores da categoría de Solti, Mehta, Rattle, Baremboim, Salonen, Harnoncourt, Mackerras, etc., así como numerosas e galardoadas gravacións discográficas; actuacións regulares en escenarios tan senlleiros como o Covent Garden londinense, Edimburgo, Glyndebourne, Metropolitan de Nova York, Aix-en-Provance, Ámsterdam, Musikverein de Viena, Ópera de París e un longo etcétera, e unha dilatada experiencia en recitais.

O programa deste concerto está dividido en dúas partes ben diferenciadas. A primeira dedicada a unha das grandes especialidades de Joan Rodgers, a canción rusa (a soprano é ademais doutora en literatura rusa): esta primeira metade do concerto centra a súa atención no poeta ruso Alexander Pushkin e así poderán escoitarse na voz de tan autorizada intérprete cancións de catro compositores rusos (Dargomizhski, Shostakovich, Glinka e Mussorgski) e dun singular compositor que tamén se sentiu atraído pola poesía de Pushkin, o inglés Benjamin Britten.

Tras o descanso, a segunda parte estará dedicada á mélodie francesa, incluíndo unha variada selección de cancións de catro compositores galos de diferentes estilos e períodos como Charles Gounod, Francis Poulenc, Gabriel Fauré e Manuel Rosenthal. As entradas poden adquirirse a 6 euros no Servizo de Venda de Entradas de Caixa Galicia (teléfono 902434443 e www.caixagalicia.es) e, o mesmo día do concerto, na billeteira do Teatro Principal.

Este ciclo, organizado pola Concellaría de Cultura do Concello de Santiago, que dirixe Socorro García Conde, e a Asociación Galega da Lírica, constou de catro concertos que como cada ano tiveron lugar no Teatro Principal compostelán. "O círculo máxico dos mestres do lied" é o título desta especial edición na que se cumpre o décimo aniversario deste pequeno milagre musical compostelán, o Ciclo de Lied de Santiago, no que a música é a auténtica e única protagonista e que atesoura xa unha rica historia.

O Ciclo de Lied de Santiago caracterízase dende o seu nacemento pola orixinalidade á hora de presentar cada ano unha visión diferente deste escasamente difundido xénero musical. Baixo o título O círculo máxico dos mestres do lied puideron escoitarse cancións dos autores máis transcendentais da historia do lied: grandes mestres como Robert Schumann, Franz Schubert e Hugo Wolf protagonizan unha selección na que Roger Vignoles (espléndido pianista inglés que é protagonista de excepción deste certame dende a súa creación) quixo compartir co público compostelán moitas das súas obras favoritas e que inclúe algúns dos ciclos e cancións máis coñecidas e emblemáticas dos seus autores e do xénero. Roger Vignoles é a alma artística do ciclo, como codirector e como pianista nos catro concertos que cada ano configuran a programación.

Compartir: