MEDIO AMBIENTE E EDUCACIÓN

O Concello promove un curso máis a sensibilización medioambiental entre os máis novos

14/10/2009 As concellarías de Educación e de Medio Ambiente, coa colaboración de ADEGA, poñen en marcha a oitava edición da Campaña de Educación Ambiental cun obxectivo claro: promover a sensibilidade da poboación escolar ante os problemas medio ambientais.

As concelleiras dos dous departamentos, Elvira Cienfuegos e Mercedes Rosón, presentaron a nova edición do programa, concibido coma un conxunto de subprogramas e actividades a desenvolver en colaboración cos centros de ensino. Preténdese así achegar á comunidade educativa cuestións ambientais tan próximas como a auga, os residuos ou a biodiversidade, e fomentar a responsabilidade fronte a estes temas na busca de solucións respectuosas co medio.

Neste curso escolar 2009-2010, deseñouse un programa específico sobre a auga e os ríos, aproveitando a relación de Compostela co Sar e co Sarela, e un programa xeral de educación ambiental que inclúe 10 bloques temáticos. Estes céntranse nas problemáticas do medio ambiente, nos residuos, o consumo sustentábel, a biodiversidade e o medio natural, as cidades sutentábeis, o cambio climático, a transformación do medio rural e o aproveitamento forestal, os saberes autóctonos, a paz e a seguridade humana, e as enerxías renovábeis.

Tanto as dúas concelleiras coma a representante de Adega, Marga Miguens, salientaron a importancia de fomentar a cultura da defensa e protección do medio ambiente desde as primeiras etapas da educación. Como destacou Elvira Cienfuegos, xa son máis de 12.000 os rapaces que pasaron por este programa o que demostra "o interese que desperta no alumnado e nos profesores". A edil lembrou a importancia de actuar a nivel local para axudar globalmente a solventar os problemas do medio ambiente. Tamén se expesou neste sentido a concelleira Mercedes Rosón que destacou a importancia de "concienciar aos pequenos sobre relevancia do medio ambiente" desde o ámbito da Eduación e non dubidou en sinalar o programa como "o mellor deste ámbito que se fai en Galicia".

Entre as novidades que se presentaron este ano, como sinalou Marga Miguens, inclúese un apartado específico para a enerxía eólica e, dentro do bloque de saberes autóctonos, dous obradoiros para coñecer mellor as nosas tradicións: un sobre os produtos lácteos e outro sobre a fabricación de xabrón.

Compartir: