SERVIZOS BÁSICOS

O Concello premia un ano máis o bo uso do colector amarelo

13/10/2009 A Xunta de Goberno Local, na súa sesión do 13 de outubro, aprobou a campaña de comunicación e as bases para o concurso sobre o uso correcto do colector de envases de plástico, latas e briks que organiza a concellería de Servizos Básicos, dirixida pola concelleira Marta Álvarez-Santullano. Os premios consistirán en bonos de fin de semana para dúas persoas nun baleneario ou hotel SPA de catro estrelas.

O sorteo dos bonos efectuarase escollendo ao chou bolsas do colector amarelo que indiquen no exterior o nome, enderezo e teléfono do cidadán que as depositou. Loxicamente, verificarase que nestas bolsas estean os refugallos adecuados, isto é, plástico, latas e briks. Os interesados deben depositar as bolsas no colector dende o 26 de outubro ao 8 de novembro de 2009.

A partir dun sorteo, determinarase que colectores se revisarán cada día (un mínimo de tres) e a orde desta revisión. A inspección dos colectores sorteados realizarase entre o luns e o venres, cando menos tres días á semana, exceptuando festivos. As catro primeiras bolsas inspeccionadas o primeiro día despois da fin de semana e as tres primeiras o resto dos días, que no seu interior conteñan unicamente envases de plástico, latas e briks, serán as premiadas.

Os 20 gañadores poderán gozar dun bono de fin de semana para dúas persoas nun balneario ou hotel SPA de catro estrelas en Galicia que inclúe unha noite de aloxamento nun cuarto duplo, o almorzo e circuíto piscina termal. Poderá ser utilizado ata o 31 de decembro de 2009.

Documentos relacionados



Compartir: