XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno dá o visto bo á elaboración do Plan de Mobilidade para Santiago

13/10/2009 O Concello comeza así a pór en marcha a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) e como paso inicial acorda a creación dun grupo de traballo encargado de elaborar o prego de condicións. A Xunta de Goberno, ademais desta decisión, tomou otras como a aprobación da memoria-programa de actuacións de rehabilitación e reurbanización do Casco Histórico, Vista Alegre e Ponpedriña ou a adxudicación das obras de reurbanización da avenida de Castelao. Tamén se deu o visto bo a un recoñecemento extraxudicial de crédito por máis de 200.000 euros.

No relativo ao Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) a Xunta de Goberno, como paso previo á determinación dos seus obxectivos concretos, acordou a creación dun grupo de traballo para a elaboración do prego de condicións. Esta comisión estará formada polo xerente de Tussa, a xefa do servizo de Contratación, o inspector de Servizos, o xefe da Policía Local e estará presidido polo concelleiro de Transportes e Mobilidade. Ponse así en marcha o proceso para a elaboración do plan que reorganizará e implementará o tráfico na cidade.

Tamén se aprobou nesta sesión a memoria-programa de actuacións de rehabilitación e reurbanización do Casco Histórico, Vista Alegre e Pontepedriña que se remitirá á Xunta e ao Ministerio de Vivenda. A suma das achegas do Concello é de 720.000 euros destinados a financiar seis actuacións de reurbanización, dúas por cada área de rehabilitación.

No apartado de obras, adxudicáronse definitivamente as obras de saneamento da conca do río Aríns, en concreto a segunda fase, relativa aos colectores secundarios, á empresa Misturas por un importe de 415.142 euros, e tamén as obras para a reforma interior das dependencias da policía cun importe de case 130.000 euros, contrato que recaeu na empresa Joscon Construcciones.

De forma provisoinal adxudicáronse dúas obras de reurbanización: en primeiro lugar, as que se levarán a cabo na avenida de Castelao, traballos incluídos no convenio asinado por Xunta e Concello para a mellora dos contornos urbanos de acceso á cidade. A empresa adxudicataria foi Jesús Martínez Álvarez SA que conta cun prazo de execución de 8 meses. O importe do contrato ascende a 2.000.000 de euros. En segundo lugar, adxudicouse provisionalmente o contrato para as obras de reurbanización do espazo público da Calzada de Santo Antonio por un importe de 151.838,66 euros.

Nesta sesión da Xunta de Goberno Local deuse conta dun amplo paquete de subvencións, entre as que salienta a concedida pola Consellería de Traballo e Benestar por importe de 226.405,14 euros que permitirá a contratación de 20 traballadores para os departamentos de Promoción Económica, Cultura, Deportes, Benestar Social, Participación Cidadá e Casco Histórico. Así mesmo, deuse o visto bo á resolución da convocatoria de subvencións de escolas deportivas: 8 entidades resultaron beneficiadas dun importe global de 12.401,18 euros.

Tamén se aprobaron os convenios de colaboración co Mercado de Abastos para a campaña de Nadal, que contempla unha achega municipal de 15.000 euros, e outro co Curso Universitario Internacional "Música en Compostela", por importe de 7.500 euros.
Deuse conta, así mesmo, da sinatura do Convenio de cooperación entre o Concello e a Consellería de Sanidade para o cofinanciamento de programas de prevención de drogodependencias 2009/2010 por importe de 126.480 euros dos que 24.480 euros son aportados polo Concello e 102.000 pola Xunta.

No relativo a concursos, aprobáronse as bases e a convocatoria para dous: os premios 25 de novembro "Educando na convivencia en igualdade: a miña visión sobre a violencia de xénero"; e o que busca fomentar o uso adecuado do contedor amarelo entre os cidadáns.

Recoñecemento extraxudicial de crédito
Por outra banda, como xa se fixera público, a Xunta de Goberno aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito por valor 206.814,12 euros. O importe das facturas que foron aprobadas correspóndense cos gastos de investimento que atinxen á reposición do enlousado do casco histórico, traballos de reparación de diversos centros socioculturais, rehabilitación da fabrica de curtidos de Belvís, acondicionamento das parcelas para os campos da festa de Nemenzo e Verdía ou acondicionamento do Centro de Proceso de Datos, entre outros traballos.

Este acordo é o primeiro dos que se irán adoptando relativos aos recoñecementos de crédito precisos para reducir o importe das facturas recibidas e pendentes dos últimos anos, e que non foron recoñecidas no seu día por mor de atoparse en distintas fases na súa tramitación e, nalgún caso, existir discrepancias a respecto do seu importe. O recoñecemento deste crédito non afecta ao orzamento corrente, senón que os créditos proceden de excedentes de exercicios anteriores.

Compartir: