IGUALDADE

O departamento de Igualdade presenta unha mostra fotográfica sobre a evolución das galegas no traballo

13/10/2009 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, presentou este mediodía en Raxoi unha exposición fotográfica sobre a evolución das mulleres galegas no ámbito laboral. O autor, o fotógrafo coruñés Xosé Abad, acompañou á concelleira na presentación.

A mostra, que leva por título (m)2, dá conta da vida de 16 mulleres galegas reais dende o seu rol de nai, filla e traballadora. As instantáneas amosan a evolución e os cambios experimentados polas galegas nestes últimos anos. A exposición mostra nais traballadoras do sector primario, como mariscadoras, redeiras ou traballadoras do sector da conserva, que contrastan coas posibilidades de formación e de acceso a outros empregos por parte das súas fillas, que desenvolven a súa actividade profesional como bombeiras, pilotos de aviación ou cirurxiás.

Son en total 24 fotografías orixinais en color e un audiovisual explicativo de 18 minutos de duración (funcionando en bucle). As fotografías van en bloques de tres en tres.

A exposición, cedida polo departamento de servizos sociais da Deputación Provincial da Coruña, inaugúrase esta tarde na galería Sargadelos, co apoio do Departamento de Igualdade do Concello de Santiago. Estará aberta ao público do 14 ao 31 de outubro.

Compartir: