BENESTAR SOCIAL

O Concello renova a súa colaboración con Cruz Vermella

13/10/2009 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou esta mañá un convenio de colaboración co presidente da Asemblea Local de Cruz Vermella, Rufino Constantino Pérez Outes a través do cal o Concello de Santiago apoia á Cruz Vermella no desenvolvemento de diversos programas e actividades.

Lecer e tempo libre con persoas maiores, busca de emprego, mediación social con menores en dificultade social, intervención en emerxencias e servizos preventivos son os contidos dos programas e actividades que organiza a Cruz Vermella. Neste exercicio, o Concello achega á entidade 11.000 euros.

O Proxecto de lecer e tempo libre, dirixido a maiores de 60 anos, trata de ocupar o tempo libre das persoas maiores con actividades alternativas, a fin de diminuír o seu illamento e facilitar a integración no entorno. Para iso desenvólvense talleres (de manualidades, de psicomotricidade, dinámicas alternativas, etc.), actividades lúdicas, acompañamento en actividades de ocio, festas, actividades o aire libre...

O Espazo de Busca Activa de Emprego (EBAE), é un lugar para a busca laboral e a integración sociolaboral equipado cos medios técnicos para que as persoas usuarias (poboación xeral en situación de desemprego) poidan preparar a súa candidatura a unha oferta de traballo, subscribirse a ela e facer un seguimento desta. É un servizo gratuíto para favorecer a autonomía persoal e poñer en práctica as habilidades adquiridas na busca de emprego, así como para achegarse as novas tecnoloxías.

Os Centros de Mediación Social constitúen un marco de colaboración entre as distintas institucións de atención á infancia (nenas e nenos entre 6 e 14 anos), para dotar á comunidade dunha infraestrutura de intervención sobre as diferentes problemáticas de marxinación que afectan a este colectivo, proporcionando un recurso estable de ocio e tempo libre e desenvolvendo actividades dirixidas a menores en situación de risco e/ou conflito social.

A intervención en emerxencias é unha intervención de forma inmediata, urxente e sostida. Intervense no momento inicial da emerxencia con un conxunto de accións que alivien o sufrimento humano, protexan a saúde e o medio ambiente. Entre outras desenvólvense actividades de primeiros auxilios, clasificación de feridos, transporte sanitario, apoio humano...

Por último, os servizos preventivos xorden a consecuencia de actos ou espectáculos deportivos e culturais ou de grandes concentracións de xente nas que é necesario facer unha previsión de riscos e unha cobertura sociosanitaria.

Compartir: