NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Unha campaña anima ao alumnado a manter viva a lingua como falantes e como lectores

13/10/2009 A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago colabora na campaña de dinamización lingüística que desenvolve a Secretaría Xeral de Política Lingüística en convenio con diferentes editoriais galegas.

A concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez, a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, Cristina Rubal, e o director de Rodeira Edicións, Alfonso García Sanmartín, presentaron hoxe unha campaña para impulsar o galego entre o alumnado compostelán e da comarca.

Baixo o lema Bocaberta, a campaña pretende que os nenos e as nenas relacionen o uso da lingua (na lectura, na comunicación oral…) con actividades agradables e participativas. Trátase de desenvolver actitudes positivas respecto da propia lingua dende o punto de vista afectivo e funcional.

É dentro desta programación que a editorial Rodeira presenta o proxecto CONTOS PARA FALAR no que, a través dunha montaxe narrativa musical, A fantástica viaxe de Patri, se emprenderá unha viaxe lúdica na que os nenos e as nenas, a lingua e a comunicación serán os grandes protagonistas.

A actividade relata unha viaxe realizada a través de tres pezas musicais e tres contos de situación. Nela, cóntase como unha nena vai, pouco a pouco, descubrindo a lingua galega. Primeiro no ámbito familiar e logo, paseniñamente, en todos os demais ámbitos da vida. A lingua preséntase coma un tesouro que todos os participantes descobren ao longo da viaxe proposta e que, despois, comparten ao recibir unha obra en lingua galega e un CD coas cancións que simboliza a preservación e o compromiso persoal de mantela viva como falantes e como lectores.

Ao longo da actividade proporanse espazos de participación para os nenos e para as nenas, tanto mediante a interactividade nos contos coma coa execución das cancións, facilmente asimilables, e que intentarán mergullar as nenas e os nenos na historia proposta.

A actividade ofrécese secuenciada para dous tramos de idade. Unha para nenos e nenas de entre 3 a 6 anos e outra, para nenos e nenas de entre 6 e 9 anos os días 14, 15 e 16 de outubro na Casa das Asociacións de Cornes.

O gran éxito de convocatoria fai que a actividade estea amplamente cuberta e que vaian participar nela máis de 700 alumnos e alumnas de centros de ensino composteláns.

Compartir: