ALCALDÍA

O convenio para a nova estación do AVE asinarase a vindeira semana

09/10/2009 O alcalde espera que a finais da semana que entra Concello, Xunta, ADIF e Ministerio de Fomento asinen o convenio para a construcción da estación do AVE.

Sánchez Bugallo confía en que unha vez asinado o convenio da terminal do AVE, previsiblemente a semana que vén, en 2010 "se redacte o proxecto" e, finalmente, que neste mandato "as obras da estación de AVE estean licitadas".

Así mesmo, na súa rolda de prensa semanal, Sánchez Bugallo amosouse satisfeito de que ao fin comece a construírse o Museo de Historia Natural Luis Iglesias na Finca Simeón. Este é o último edificio que completa a finca, co que queda "un conxunto de extraordinario valor ambiental e arquitectónico", con "edificios singulares, de arquitectos de primeira liña".

Nesta semana tamén se puxo a primeira pedra do parque empresarial da Sionlla. O alcalde lembrou que a construcción deste parque formulouna por primeira vez hai seis anos nunha visita ao presidente da Xunta. Na súa opinión, "Santiago consegue dar unha volta significativa ao seu solo empresarial".

Unha vez completado este cuarto polígono "pasaremos de ter unha superficie dun millón de metros cadrados de solo industrial a catro millóns", e máis adiante, "cando se saque adiante o Parque Tecnolóxico e os dous novos polígonos que irán nesa mesma área serán xa cinco millóns de metros cadrados de solo industrial". Bugallo confía en que o novo Director Xeral de Patrimonio consiga sacar adiante o Parque Tecnolóxico de "forma correcta, protexendo o Camiño de Santiago de forma efectiva e non mermando o polígono, respectando o PXOM", dixo.

Compartir: