ALCALDÍA

A asociación Fonte da Virxe estrea o seu novo centro ubicado nun terreo cedido polo Concello

09/10/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu á inauguración do novo centro ocupacional que pon en marcha a asociación Fonte da Virxe na rúa de Mondoñedo, sita no Lugar da Barcia.

O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou esta tarde o novo centro ocupacional para persoas afectadas por unha enfermidade mental da Asociación Fonte da Virxe.

Cunha capacidade inicial para dezaseis usuarios, o novo centro organizará talleres de encadernación e de coiro, co obxectivo de formar profesionalmente aos alumnos de cara a integración laboral.

Na véspera do Día Mundial da Saúde Mental, o alcalde xunto á presidenta da asociación, María José Díaz, amosouse orgulloso de que Fonte da Virxe conte ao fin con "unhas instalacións axeitadas para satisfacer parte das súas necesidades" e agradeceu ás familias e amigos dos enfermos mentais o seu empeño en facer visíbel "o que a sociedade se empeñou durante moito tempo en ocultar".

O centro ocupacional, cuxo terreo foi cedido polo Concello, está subvencionado pola Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar da Xunta, a Deputación da Coruña e as fundacións ONCE, Caixa Galicia e Barrié de la Maza.

Entre as especialidades que se ensinarán no centro que xa dispón dun centro de rehabilitación en Quistiláns (Ames) ofrece prestacións e familias a 300 familias da comarca de Santiago.

Compartir: