ALCALDÍA

O Concello colabora con Proxecto Home na prestación de axuda aos drogodependentes

09/10/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o presidente do padroado da Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home Galicia, José Antonio Seoane Ares, asinaron esta mañá no Pazo de Raxoi un convenio de colaboración en virtude do cal a entidade municipal achega 29.751 euros para o desenvolvemento dun programa destinado a atender aos que sofren de adicción á cocaína.

O convenio ten por obxecto estabelecer os termos da colaboración entre as partes asinantes para o desenvolvemento do Programa de Cocaína, dirixido a persoas consumidoras fundamentalmente desta substancia, que manteñen a súa estrutura familiar, social e laboral, ou son susceptible de recuperar estas redes sen demasiadas complicacións. Neste programa trátanse persoas cun nivel de adicción que poida permitir a ruptura co mundo das drogas dentro dunha nova perspectiva de acceso ao traballo e de responsabilización da súa vida desde o primeiro momento.

O obxectivo xeral é o de adquirir, por parte do usuario, unha motivación progresiva que se inicia na abstinencia e se fortalece na adquisición dun estilo de vida saudable e satisfactorio que lle permita ao usuario un equilibrio no seu mundo sen necesidade dun illamento temporal.

O programa dívidese en tres fases; unha primeira cunha duración de entre 5 e 6 meses, sempre en función da propia evolución do residente e das súas características persoais; unha segunda fase que dura aproximadamente entre 5 ou 6 meses; e a fase 3, que ten unha duración de 7 meses.

Para a colaboración na realización das actividades obxecto deste convenio, o Concello de Santiago de Compostela achegará á institución a cantidade de 29.751 euros. Ambas entidades levan colaborando desde o ano 1992 e o alcalde salientou a intención do Concello de seguir apoiando as actividades desenvolvidas por Proxecto Home, que se complementan en Santiago coas realizadas pola Unidade Municipal de Atención ao Drogodependente (UMAD). Pola súa banda, os representantes do Proxecto Home en Galica agradeceron a colaboración do Concello; segundo eles "nesta casa sempre encontramos unha porta aberta".

Compartir: