CENTROS SOCIOCULTURAIS

A concelleira de Centros Socioculturais visita as obras dos CSC das parroquias do norte de Santiago

09/10/2009 Socorro García Conde, visitou esta mañá as obras de cinco dos nove edificios da Rede de Centros Socioculturais que está sendo sometido a traballos de reforma pola Concellaría. Este plan de reformas está destinado principalmente a mellorar as condicións de uso nestes centros, situados na súa maioría no rural de Compostela.

A tenente de alcalde explicou, á prensa, como se están a desenvolver as obras desde o LSC de Busto. Pintar, reforma das ventás e instalacións dos canos das augas son as melloras que se están realizando neste local concretamente. Ademais del, outros oito edificios repartidos pola contorna compostelá están tamén sendo rehabilitados pola Concellaría. O obxectivo, segundo Socorro García, é 'paliar a dramática situación na que se atopaban estes centros', e así permitir que os veciños poidan aproveitar ao máximo as instalacións.

Xunto ao de Busto, nas parroquias do norte de Santiago, están sendo reformados os centros de Nemenzo, Marantes, Grixoa e Lamascal. En Nemenzo estase pintando o local, retellando, substituíndo a carpintaría metálica, pulindo o pavimento, substituíndo os sanitarios, redistribuíndo os espazos e instalando unha nova calefacción. Xa en Marantes tamén se está pintando, retellando e instalando unha nova calefacción e ademais substituíndo os canalóns e baixantes.

Na Grixoa as melloras do edificio inclúen tamén o pintado exterior, novos aseos, unha redistribución de espazos, amaños na cuberta e un traslado da zona da escaleira. Finalmente no LSC de Lamascal estase acometendo unha reforma profunda xa que era o edificio que se atopaba en peor estado. Aquí as melloras suporán a impermeabilización de fachada e cuberta, a substitucións de canalóns, baixantes e carpintarías; a mellora do pavimento e substitución de sanitarios, a eliminación de tabiques e redistribución dos espazos e unha nova calefacción

Outros CSC tamén en obras son o da Trisca que está sendo impermeabilizado, mentres que en Conxo e Amio os traballos estanse destinando á eliminación de humidades, e o de Laraño que está a ser reformado integralmente e ampliado. A previsión e que as obras de mellora estean rematadas antes de finais de ano.

Plan de melloras da Rede de CSC de Santiago
O programa ten unha dotación total de 700.000 euros, dos que máis da metade están destinados ás obras de ampliación do CSC de Laraño. Aparte desa obra, unha partida de 300.440 euros estará dedicada a realizar obras de reforma en outros oito edificios. Esta segunda parte do programa ten unha duración estimada de 189 días e vai empregar a 16 persoas, sendo nove delas postos de nova creación.

A edil expresou o seu pesar pola limitación dos fondos, xa que os edificios presentan moitas limitacións, especialmente en canto climatización, debido á súa antigüidade e a que non foron orixinalmente concibidos para o uso como Centros Socioculturais. Con todo, Socorro García Conde espera que os traballos acometidos permitan garantir o mantemento dos edificios en condicións de uso.

Compartir: