CULTURA

A Fundación Rosalía de Castro recibirá a axuda do Concello

08/10/2009 Socorro García Conde, concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, e Helena Villar, presidenta da Fundación Rosalía de Castro, asinaron na Casa do Concello un convenio de colaboración cultural. Ambas as dúas mulleres mostraron a súa satisfacción pola continuidade da colaboración entre as entidades. O documento inclúe unha axuda económica de 7.000 euros para a realización de actividades.

"Un pracer e unha honra". Así definiu Socorro García a sinatura deste convenio de colaboración coa Fundación Rosalía de Castro. A cooperación entre as dúas entidades iniciouse hai tres anos, desde entón, esta organización é a única entidade cuxa sede non se atopa en Santiago que conta cun acordo estable de cooperación coa Concellaría.

O convenio asinado esta maña conta cunha dotación de sete mil euros, cantidade que a edila cualificou de modesta, dedicados a promover as actividades da Fundación. Esta asignación permitirá por exemplo que a Fundación poida continuar coas súas publicacións. Helena Villar, presidenta da Fundación, mostrouse profundamente agradecida ao Concello pola súa sensibilidade cunha figura que definiu como 'a gran representación de Galicia, máis aló do idioma, dos seus símbolos e do seu Parlamento'.

Helena Villar valorou especialmente este convenio de colaboración co Concello de Santiago polo difícil financiamento da Fundación, que de non ser pola solidariedade das institucións dependería segundo dixo "da caridade da xente". A modo de exemplo, explicou que o mantemento da casa museo da poeta supón uns gastos de mantemento de 95.000 euros.

García Conde quixo deixar constancia publicamente do compromiso de continuidade desta colaboración na medida das posibilidades da Concellaría. O labor cultural e pedagóxico levado a cabo pola Fundación arredor da figura de Rosalía de Castro, que constitúen ao tempo unha difusión da cultura e da lingua galega, son segundo ela 'dignos de todo o apoio posible'.

Compartir: