ALCALDÍA

Santiago e Irlanda estreitan lazos

08/10/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu esta mañá no Pazo de Raxoi, o embaixador de Irlanda en España, Justin Harman, nunha visita de carácter institucional.

Harman vén de ocupar o cargo de embaixador da República de Irlanda en España despois de pasar os últimos seis anos desempeñando o mesmo cargo na Federación de Rusia. Durante o encontro co rexedor compostelán, o embaixador salientou os lazos que unen Irlanda con Compostela, cara a onde houbo sempre un constante fluxo de visitantes irlandeses atraídos especialmente polo Camiño de Santiago.

Sánchez Bugallo deu a benvida a Santaigo a Justin Harman e salientou tamén a conexión entre a cidade de Compostela e a república de Irlanda, xa que, segundo lembrou o rexedor, a maioría dos médicos irlandeses dos séculos XVII e XVIII estudaron en Santiago, no antigo Colexio dos Irlandeses, sito na rúa Nova. Así mesmo, desexoulle todo o mellor neste novo destino.

Compartir: