URBANISMO

Os concelleiros de Urbanismo das sete grandes cidades manterán reunións periódicas

07/10/2009 Pontevedra acolleu a primeira reunión de concelleiros de Urbanismo das sete grandes cidades galegas. A xuntanza, que se prolongou durante toda a mañá do mércores 7 de outubro, foi cualificada como moi fructífera por todos os participantes, que acordaron manter contactos periódicos a partir de agora e fixaron xa un próximo encontro para finais do mes de novembro en Santiago.

A tenente de alcalde pontevedresa Teresa Casal García exerceu de anfitriona neste primeiro encontro ao que acudiron as concelleiras de Lugo, María Novo Pena; Ourense, Áurea Soto Vázquez e Santiago, Mercedes Rosón Ferreiro; así como os concelleiros de Ferrol, Ángel Manuel Mato Escalona e Vigo, José Manuel Mariño Mendoza. A concelleira coruñesa, Obdulia Taboadela Álvarez, por problemas de axenda, incorporouse a última hora da mañá.

Os responsables municipais decidiron que a idea de celebrar este tipo de reunións sectoriais terá continuidade co ánimo de estudar os problemas e intereses comúns das cidades en asun-tos como a planificación e xestión urbanísticas ou as relacións coa Comunidade Autónoma.

As sete grandes cidades galegas supoñen un 40% da poboación galega e todo indica que a concentración demográfica nas urbes é un proceso que vai continuar nos próximos anos. Os sete concelleiros entenden, por tanto, que é ineludible que entre todos teñamos éxito no reto de construír espazos urbanos de convivencia, sostibles e compactos que permitan garantir a calidade de vida dos cidadáns. A tarefa é común e, por tanto, independente da batalla política ou os intereses partidistas.

É preciso manter aberto e fluído o diálogo sobre a ordenación do territorio, reclaman os concelleiros. A Administración local, e moi especialmente as sete entidades que acumulan preto da metade da poboación galega, teñen moito que achegar a ese debate, partindo sempre da premisa da colaboración e a lealdade institucional. Neste senso, os concelleiros están de acordo en que parece chegado o momento de elaborar unha nova lei de Urbanismo para Galicia que vaia máis alá das constantes modificacións que está a sufrir este texto legal.

O proceso debe partir dun diagnóstico realista do sucedido nestes últimos anos e continuar cun debate sosegado e con vocación pactista. Só así, conclúen, podería chegarse a un gran acordo, imprescindible para garantir a lonxevidade dunha nova lei que se convertería nun instrumento efectivo de seguridade xurídica, de simplificación de trámites e de axilización de prazos.

Compartir: