DEPORTES

A Fundación Compostela Deporte destina 30.000 euros á formación e perfeccionamento dos deportistas composteláns

07/10/2009 A Fundación Compostela Deporte presentou esta maña as Bolsas para a Formación e Perfeccionamento dos deportistas individuais composteláns 2009. A quinta edición desta convocatoria conta como novidade que este ano a convocatoria ábrese aos deportistas individuais empadroados na mancomunidade de Santiago de Compostela, cunha dotación orzamentaria total de 30.000 euros, que serán outorgados en réxime de concorrencia competitiva. As bases para optar a este programa da entidade, destinado a apoiar a práctica deportiva, están dispoñibles no portal electrónico www.fundacioncompostela.org e o prazo de formalización de solicitudes permanecerá aberto até o vindeiro 10 de novembro.

A Fundación Compostela Deporte acolleu esta maña a presentación da quinta edición das Bolsas para a Formación e Perfeccionamento dos deportistas individuais composteláns 2009. A convocatoria conta cunha dotación orzamentaria total de 30.000 euros (cunha contía de 1.200 euros para cada bolseiro), que a entidade outorgará en réxime de concorrencia competitiva para cada modalidade deportiva.
No acto de presentación da convocatoria anual das Bolsas da Fundación Compostela Deporte contouse coa presenza do Concelleiro de Deportes e Vicepresidente da Fundación Compostela Deporte, Bernardino Rama, con Mariano García-Verdugo, membro da Área de Deportes da USC e integrante da Comisión de selección así como con José Fernández Alborés, que tamén participa da Comisión de Selección e Presidente da Federación Galega de Tenis de Mesa.

Bernardino Rama, Vicepresidente da Fundación Compostela Deporte, salientou o feito de que a convocatoria anual de bolsas da Fundación Compostela Deporte, presentan como principal novidade este ano que esta se abre a todos os deportistas empadroados en calquera dos concellos integrantes da Mancomunidade de Santiago de Compostela.
Mariano García-Verdugo fixo fincapé na axilidade e na transparencia que este ano se vai dar coa achega dos curricula, axilizando a xestión das bolsas, polo feito de que este ano só se admitirán os curricula deportivos que veñan visados polas respectivas federacións nos impresos oficiais da Fundación. Así mesmo salientou a importancia que teñen as bolsas da Fundación na axuda á progresión dos deportistas individuais.

José Alborés sinalou a importancia para os clubes que están a traballar con deportistas da comarca de Santiago, e que isto lles axuda a reducir os custos. As bolsas para a formación e perfeccionamento dos deportistas composteláns teñen como obxectivo cubrir unha necesidade fundamental no desenvolvemento dun plano de apoio ao deporte base cidade para acadar resultados deportivos no máximo nivel que permitan cumprir os obxectivos e chegar a formar parte da elite deportiva.
Os requisitos que deben cumprir os deportistas para poder concorrer a esta convocatoria son:
1. Encontrarse empadroado nos concellos que forman a Mancomunidade de Santiago de Compostela (Santiago, Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra).
2. Ter unha data de nacemento comprendida entre os anos 1987 e 1999 ambos inclusive, requisito este que non será esixíbel aos deportistas paralímpicos que concorran á presente convocatoria.
3. Encontrarse en posesión da correspondente licenza federativa, estatal ou autonómica na tempada 2009/10 por un clube de Santiago ou por outro da Comunidade Galega no caso de non existir representación no Concello de Santiago.
4. Acreditar a consecución de resultados deportivos relevantes obtidos en competicións oficiais durante os anos 2008 e 2009.

As solicitudes deberanse presentar na sede da Fundación Compostela Deporte, no estadio de San Lázaro porta 16, tendo como prazo máximo para a mesma o día 10 de novembro de 2009. Tanto as bases como os impresos oficiais de curriculum pódense obter na sede da Fundación ou na web da mesma: www.fundacioncompostela.org

Compartir: