MULLER

Comeza a campaña Unisex

07/11/2005 Os alumnos da facultade de Dereito foron os primeiros en recibir os delantais que desde a campaña Unisex, posta en marcha pola Concellaría da Muller, se repartirán entre os estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, para sensibilizalos na importancia dun cambio de actitude no reparto de tarefas domésticas.

A concellería de Muller do concello de Santiago vén de poñer en marcha a campaña "Unisex" que, encadrada nas actuacións da área de conciliación da vida laboral e familiar do Plan municipal de igualdade de oportunidades, pretende avanzar no reparto de responsabilidades familiares e domésticas.

Na Facultade de Dereito da USC inaugurouse esta campaña, nun acto ao que asistiron a concelleira de Muller, Adelaida Negreira; Mar Lorenzo Moledo, vicerrectora de Extensión Cultural da USC; Antonio López Díaz, decano da Facultade de Dereito, e Uqui Cebra, deseñadora da campaña.

A campaña está dirixida, principalmente, aos estudantes masculinos da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Segundo explicou a concelleira de Muller, Adelaida Negreira, na rolda de prensa de presentacion desta campaña, que durará ata o Nadal, pensouse nos homes de entre 18 e 30 anos porque "son máis fáciles de reeducar" e é preciso que tomen conciencia de que "non hai só que axudar, senón que hai que facer, compartir as tarefas". "O delantal", sinalou Negreira, "é un símbolo para que o poñan e o utilicen".

Durante estes días distribuiranse polas facultades da USC uns vinte paneis con 5.000 tarxetas informativas e repartiranse uns mil delantais cun fermoso lema que, desde a concellería de Muller, se espera acadar: "Compartimos libros, compartimos soños, compartimos a limpeza, compartimos facer a cama, compartimos desfacela, compartimos cociñar, compartimos fregar, compartimos o aseo...".

Compartir: