BENESTAR SOCIAL E IGUALDADE

O curso "A saúde a través da arte" ensina a quince mulleres a redescubrir as súas habilidades a través da plástica

07/10/2009 Vén de comezar no Centro Sociocultural das Fontiñas o curso "A saúde a través da arte", organizado pólo Centro de Información á Muller da Concellería de Igualdade. Quince mulleres participan na segunda edición (a primeira celebrouse en xaneiro deste ano) desta novidosa experiencia terapéutica e plástica.

"A saúde a través da arte" baséase na experiencia de vivir procesos internos, sentimentos e emocións. A través de diferentes técnicas plásticas, achega ás participantes ao redescubrimento das súas propias capacidades e habilidades, desenvolvendo a autoestima nun espazo de diálogo e encontro a través de procesos creativos en grupo.

Este taller quere potenciar o estado de saúde e benestar das mulleres a través do traballo creativo, favorecendo o descubrimento persoal de procesos internos. Tamén ten como obxectivo desenvolver a autoestima e a capacidade de expresión, ensaiar diferentes técnicas plásticas e promover un espazo de diálogo, encontro e integración.

O curso estrutúrase en 14 sesións, distribuídas a razón de dúas sesión por semana, os martes e os mércores. A primeira tivo lugar onte e a última será o 18 de novembro. As sesións dos mércores son de 19:30 a 21:30 horas e as dos mércores de 20:00 a 22:00 horas. As clases son impartidas no CSC das Fontiñas polo arteterapeuta e artista plástico Ismael Rodríguez Fraga.

Compartir: