PROMOCIÓN ECONÓMICA

Regalar custa pouco promocionará o comercio compostelá coa edición de dez mil catálogos con propostas de agasallos para o Nadal

07/10/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o II Concurso catálogo de promoción comercial de Compostela Regalar custa pouco. Este programa ten como obxectivo potenciar as compras nos establecementos comerciais da cidade durante o Nadal. As/os comerciantes que presenten as mellores propostas poderán ver os seus produtos recollidos nun catálogo, xunto á identificación do comercio, que se distribuirá entre a cidadanía de Compostela, con distintas accións de animación en rúa e en diferentes entidades: Concello de Santiago, bibliotecas, centros socioculturais, etc. O programa Regalar custa pouco forma parte das accións de promoción e dinamización do sector recollidas no Plan Estratéxico do Comercio Compostelán, cofinanciado pola Deputación de A Coruña e o Concello de Santiago, que ten como obxectivo fortalecer o sector para facelo máis dinámico e competitivo.

O funcionamento de Regalar custa pouco, que conta cun orzamento de 30.000 euros, é o seguinte. Hoxe, a partires das tres da tarde, ábrese o prazo de inscrición no certame, dirixido a todos os comercios da cidade. Os comercios interesados poden inscribirse de balde, a través dun formulario habilitado na páxina web da Concellaría de Promoción Económica www.maiscompostela.org, xunto á información sobre o concurso; ou cubrindo a documentación que hoxe comeza a repartirse polos estabelecementos de Compostela, na que se inclúen as bases do certame e as solicitudes de participación. As persoas interesadas tamén poden solicitar información a través do correo electrónico sae@santiagodecompostela.gal e no teléfono 981.54.24.93.

A documentación a cubrir consta do Anexo I, que é a ficha de inscrición no certame, e o Anexo II, unha ficha técnica na que se describe brevemente o produto que vai concursar. Establécense ata seis rangos de produtos, dependendo do prezo: ata 5 euros, ata 10, ata 20, ata 30, ata 50 e ata 100 euros. Cada comercio pode presentar unha candidatura por cada rango de prezos. Os produtos presentados deberán figurar na oferta habitual do estabelecemento durante os días que dure a campaña de exposición e venda no mesmo comercio, do 25 de novembro ao 31 de decembro de 2009. Unha vez cubertas os dous anexos de participación, teñen que presentarse en calquera dos rexistros cos que conta o Concello de Santiago. O prazo de presentación remata o 28 de outubro.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, convocarase aos estabelecementos participantes para que presenten unha mostra dos produtos e das embalaxes presentados a concurso. Un comité de selección valorará as candidaturas conforme á especialización dos produtos, á relación calidade-prezo e á novidade e orixinalidade no concepto de envases e embalaxes. Cando se realice a mostra, fotografiaranse todos os produtos. As propostas seleccionadas incluiranse no catálogo editado pola Concellaría de Promoción Económica que se distribuirá de xeito gratuito entre a cidadanía. Ao lado de cada un dos produtos irá a identificación do comercio, co seu enderezo. Trátase dunha publicación que se elaborará cun deseño atractivo, destinada ás compras de Nadal e con prezos asequibles e pechados.

Este catálogo, deseñado e editado dun xeito actual, elegante e facilmente lexible e manipulable, seguindo criterios de calidade, ten como obxectivo achegar a cidadanía ao comercio local, ben sexa para adquirir os produtos que alí se ofrecen ou tamén para coñecer outros similares que ofertan eses establecementos e así incitar tamén as compras nas tendas locais. Esta previsto que este catálogo teña unha tirada inicial de 10.000 exemplares.

Entre os comercios participantes entregaranse varios premios. Este ano premiaranse tres produtos, fronte os dous do ano pasado. As mellores propostas do catálogo recibirán 750 euros (a clasificada en primeiro lugar) 350 euros (a segunda) e 200 euros (a terceira), ademáis dun espazo publicitario en prensa local. Entre os comercios participantes tamén se sortearán cinco cheques de consultaría de servizos técnicos especialistas en interiorismo e decoración.

Á primeira edición do Concurso catálogo de promoción comercial de Compostela Regalar custa pouco, desenvolvida o ano pasado, presentáronse 51 produtos pertencentes a 14 estabelecementos comerciais. O premio especial do xurado, de 750 euros, foi para o Surtido de bolas de chocolate Oceans, cun prezo de venda de 30 euros, pertencente ao estabelecemento Xocoátel. O segundo premio acadouno Xogo de tres botóns de madeira de buxo, cun prezo de venda de 4,20 euros, presentado polo estabelecemento Noroeste, Xoias de autor. Na decisión do xurado tívose en conta a especialización dos produtos, a relación calidade-prezo e a novidade e orixinalidade no concepto de envases e embalaxes.

Compartir: