ALCALDÍA

As parcelas do parque empresarial da Sionlla poñeranse á venda a comezos do vindeiro ano

07/10/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, visitaron hoxe as obras do parque empresarial da Sionlla, que ocupan unha superficie de máis de 1,3 millóns de metros cadrados e suporán un investimento total de máis de 83 millóns de euros.

Durante o visita o conselleiro anunciou que no primeiro trimestre de 2010 se poñerán á venda, por medio dun concurso público, as parcelas deste parque empresarial, que está a desenvolver a empresa pública Xestur Coruña na cidade de Santiago de Compostela.

As obras de urbanización do parque empresarial da Sionlla iniciáronse no pasado mes de setembro e prevese que a súa finalización teña lugar a comezos de 2011, xa que o prazo de execución das mesmas é de 19 meses. Previamente, Xestur rematou o procedemento de expropiación dos terreos necesarios, co levantamento de actas de pago e ocupación, traballo que se realizou entre o 27 de maio e o 5 de xuño pasados.

As obras de urbanización foron licitadas en maio de 2008 pola anterior Consellería de Vivenda e adxudicadas en outubro de 2008 á empresa San José. As obras non se iniciaron ata o mes de setembro como consecuencia da non dispoñibilidade dos terreos.

O investimento total é de 83.370.061 euros dos que 42.350.663 adícanse a terreos, mentres que na urbanización invístense 27.444.038 euros. O resto de investimento divídese entre honorarios técnicos, notarías e rexistros, gastos financeiros, tributos e gastos xerais.

138 parcelas
O parque empresarial da Sionlla ofrecerá un total de 138 parcelas, que permitirán a creación dunha superficie neta de 778.318 metros cadrados de superficie industrial. Na súa totalidade, o parque ocupará unha superficie de 1.383.000 metros cadrados, aos que hai que sumar outros 70.000 dedicados ás conexións exteriores do mesmo.

Compartir: