CULTURA

Curtocircuíto 2009 proxectará 223 curtas

06/10/2009 O sábado 10 de outubro comeza unha nova edición do Festival Internacional de Curtas de Santiago de Compostela Curtocircuíto. Durante oito días, o Festival proxectará 223 Curtas entre o CGAC e o Teatro Principal.

O traballo comezou fai meses, no momento en que as 2.552 curtas procedentes de 93 países distintos comezaron a chegar ao Festival. Agora, despois dunha longa criba e moitas horas de visionado, completouse a programación dunha intensa Semana Oficial. Serán oito días nos que se verán 223 curtas, repartidas en 17 programas.

Este ano 2009 aumentou a cantidade e a contía dos premios, e mesmo se creou unha categoría na que un xurado de mozos escollerá as curtas que gustan os cinéfilos máis novos das nosas salas de cine. Haberá programas especiais para nenos de distintas idades, para maiores ou programas con videoclips de Galicia e do mundo.

Pero un ano máis, Curtocircuíto volve a ser moito máis que curtas. Nesta semana oficial celebrarase o IV Mercado do Curtocircuíto, a exposición Cinema In/Out, un obradoiro documental, masterclasses e o programa especial do país invitado, Irlanda.

Teatro Principal, CGAC, Xornalismo e Zona C
No Teatro Principal proxectarase a programación oficial do festival, así como a selección de curtametraxes para nenos e rapaces de 6 a 18 anos. Tamén se realizar a sección Grandes Curtas, nas que os "nenos" de ata 99 anos atoparán unha selección pensada especialmente para eles.

O Centro Galego de Arte Contemporánea albergará as proxeccións dedicadas ao país invitado, Irlanda, así como unha selección de videoclips galegos e internacionais. O martes 13 a proxección Canalla! recolle o cine de curta duración máis transgresor do Festival.

Ademais, o CGAC albergará o Mercado profesional e un espazo para o visionado individual para todos aqueles que queiran gozar con algún dos case 2.600 títulos que chegaron ao Curtocircuíto.

A Facultade de Ciencias da Comunicación alberga as actividades profesionais. Un obradoiro documental para os creadores máis novos, tutelado polo documentalista británico Michael Chanan, traballará na elaboración de pezas documentais de curta duración que empregan Compostela como leitmotiv. Neste mesmo centro, Lorenzo Soler e Michael Chanan impartirán dúas masterclasses de cine documental que terán lugar martes e xoves as 10 da mañá.

Finalmente, a exposición Cinema In/Out abriu as súas portas o 25 de setembro e permanecerá aberta ata o 25 de outubro. Nela, nove profesionais da fotografía achégannos unha mostra do universo cinematográfico dende o interior. Imaxes de filmes de Almodóvar, J.A. Bayona ou Alejandro Amenábar fan reflexionar sobre como se fabrican as ilusións nun set de rodaxe.

Documentos relacionados



Compartir: