XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a reurbanización das rúas Raxoi, Trindade, San Clemente e Cruceiro do Gaio

06/10/2009 Entre os acordos da Xunta de Goberno do 6 de outubro figuran os pregos de cláusulas e o inicio do proceso de contratación de varias obras no ámbito da cidade histórica comprendidas no chamado convenio de espazos públicos, asinado no seu día coa entón Consellería de Vivenda. As seis obras supoñen un investimento total de 2.288.355 euros.

As obras aprobadas son as da rúa Raxoi, rúa Trindade (tramo non incluído nas obras do FIL), rúa San Clemente (2º tramo da rúa Raxoi), campo das Hortas, Cruceiro do Gaio e Poza de Bar e campo e costa do Cruceiro do Gaio. Pola súa dimensión destacan as intervencións a realizar na rúa San Clemente (793.847 euros) e no campo e costa do Cruceiro do Gaio (781.744 euros).

A intervención na rúa San Clemente e no segundo tramo da rúa Raxoi comprende unha renovación xeral dos acabados de calzada, beirarrúas e instalacións. Supón un ámbito de actuación entre as dúas partes de 3.314 metros cadrados. Esta actuación completarase co outro tramo da rúa Raxoi e coa rúa Trindade ata o tramo xa urbanizado cos fondos FIL.

No caso do campo e da costa do Cruceiro do Gaio, a actuación pretende recuperar a memoria histórica do lugar, conciliar o tráfico peonil co rodado e xerar espazos de uso entre fitos recoñecibles, entre outros. Estes mesmos obxectivos mantéñense para o seu enlace con Poza de Bar.

Na costa atenuarase o impacto do tráfico rodado, facilitaranse os percorridos peonís e acoutarase a superficie do aparcadoiro. En canto ao Campo das Hortas mellorarase a súa calidade urbana, ampliando o espazo peonil e disolvendo o ámbito en tres zonas: campo das Hortas (o encontro dos vieiros), o espazo estancial e a calzada do Carme de Abaixo.

Benestar Social e Igualdade
En materia de Benestar Social e Igualdade, aprobouse a concesión de subvencións para o movemento asociativo e de defensa da muller, para financiar gastos realizados por estas entidades entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2009.

Outorgáronse subvencións por 19.852 euros a 12 asociacións: Asociación de Mulleres A Lagoa; Marcha Mundial das Mulleres; vogalías das asociacións veciñais Camiño de Santiago, A Xuntanza, As Brañas de Andrés e Ponte do Romaño; Asociación de Persoas Xordas de Santiago, Asociación de Viúvas Rosalía de Castro, Autismo Galicia, Asociación de Mulleres Progresistas Alba, Asociación Plataforma polo Emprego e Asociación de Empregadas de Fogar Xiara.

Deuse conta igualmente da concesión por parte da Consellería de Traballo e Benestar dunha subvención de 46.047 euros para o Plan Nacional de Desenvolvemento Xitano. O Concello contribúe ao programa cunha achega de 14.046 euros.

Educación
En Educación, aprobáronse as bases do III Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados, organizado polo Concello en colaboración coa editorial Kalandraka no marco da X Campaña de Animación á Lectura. A convocatoria do I e do II premio foi todo un éxito, pois contabilizáronse máis de 600 traballos de diversos países. O galardón ten unha dotación económica de 12.000 euros.

Deuse tamén o visto bo aos traballos xerais de mantemento e de fontanería nos centros escolares, cun importe total de 36.000 euros.

Centros Socioculturais
A Xunta de Goberno tamén deu o visto bo ao cambio de denominación do Centro Sociocultural do Castiñeiriño. Pasa a chamarse Centro Sociocultural Agustín Bueno do Castiñeiriño. Réndese así homenaxe a un dos fundadores da asociación veciñal, cunha activa participación na construción da gardería infantil e do campo de fútbol. Ademais, colaborou no plan de prevención da delincuencia xuvenil, polo que se lle concedeu o Premio Vagalume 2005.

Deportes
Finalmente, no capitulo deportivo, aprobouse o convenio entre o Concello e Obradoiro CAB para que este equipo faga uso das instalacións do Multiusos Fontes do Sar na súa participación na Liga ACB na temporada 2009-2010. Este será o recinto para os partidos e adestramentos do equipo.

Documentos relacionados



Compartir: