BENESTAR SOCIAL

Unha delegación do Instituto de Promoción Humana de Nicaragua visitou o Concello

05/10/2009 A directora do Instituto de Promoción Humana (INPRHU)-Somoto, de Nicaragua, Gladys Cáceres, e outro membro da mesma entidade, Luis Álvarez, visitaron o Concello, onde foron recibidos pola concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín. O INPHRU é unha entidade coa que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade -do que forma parte o Concello- vén traballando dende 2003.

Este paso por Santiago encádrase no programa de visitas institucionais que a delegación está a realizar por varios municipios galegos integrantes do Fondo de Cooperación Galego. Tanto en Compostela como en outros sete concellos, manterán tamén diversos encontros con entidades sociais.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha asociación de carácter municipalista que agrupa 98 concellos galegos e as catro Deputacións provinciais, cun total de 102 asociados. Conta con máis de 120 proxectos finalizados en máis de 20 países, nos que destacan as intervencións en América Latina e África. Tamén salientan os diferentes proxectos realizados en parcería coa UNRWA, en Palestina, e nos campos de refuxiados en Siria. Ao longo dos últimos anos o Fondo Galego, xa como referente para outros territorios, ten participado en actividades encamiñadas a promover a creación de novos fondos, tanto dentro como fóra de España.

Gladys Cáceres é a directora do INPRHU (Instituto de Promoción Humana-Somoto/Madriz (Nicaragua), entidade coa que o Fondo Galego traballa dende o ano 2003. Promove dende a súa creación, no 1990, a igualdade de oportunidades para todos, a participación cidadá e a promoción dos dereitos fundamentais das familias vulnerables, tanto no rural coma no urbano.

Dende 1979 ata 1990 Gladys Cáceres dirixiu no Departamento de Madriz, en Nicaragua, o Ministerio de Benestar social do Goberno sandinista. Durante a súa xestión atendeuse aos desprazados da guerra, creou os primeiros comedores para nenos rurais, e o adiantado Centro Preventivo para Adolescentes "Los Quinchos".

Foi co fin das súas funcións dentro do Ministerio nicaraguano cando fundou o INPRHU, que prioriza programas de saúde preventiva, crédito, agricultura orgánica, apoio a comunidades indíxenas e o fortalecemento de gobernos locais, nos que o Fondo tivo unha especial implicación (Cusmapa, Las Sabanas, San Lucas, Somoto e Totogalpa).

Compartir: