CULTURA

A Real Filharmonía de Galicia protagoniza a programación cultural de outubro

02/10/2009 A programación cultural de outubro inclúe eventos coma o festivais Galicreques e Curtocircuíto. Pero sen dúbida, un dos principais protagonistas do mes será a Real Filharmonía de Galicia e a súa sede, o Auditorio, que celebra o seu 20 aniversario cun concerto especial.

Outubro é un mes para a cultura en Santiago, xa que ao longo do mes teñen lugar "diversos ciclos de moito interese na cidade", en palabras da concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde. No eido musical, por exemplo, dá comezo a temporada de abono da Real Filharmonía de Galicia, cun concerto dirixido por Ros Marbà o día 8. Esta ciclo musical achegará tamén en outubro á primeira orquestra convidada ao Auditorio de Galicia, a Orquestra Nacional de Porto.

A Real Filharmonía de Galicia será ademais a responsable de celebrar o 20 aniversario do Auditorio de Galicia que se cumpre este mes, cun concerto especial o día 29. Paul Daniel dirixirá a orquestra e a cantante alemá Ute Lemper actuará como convidada de honra.

O programa incluirá unha peza composta especialmente para a ocasión polo mestre Ros Marbà, ademais de pezas de Weill e Satie. A concelleira de Cultura xustificou esta elección para a conmemoración do aniversario no feito de que "a música culta foi o principal impulsor da actividade no Auditorio de Galicia, se ben agora a súa oferta inclúe outras moitas propostas".

Ademais, tamén darán comezo os concertos didácticos da Real Filharmonía, cunha proposta moi especial para o 24 de outubro: un concerto familiar baseado no conto de Luciano García Alén sobre o castelo da Rocha Vella. A edil quixo convidar especialmente aos veciños da Rocha a este evento e aproveitou para anticipar as "moitas novidades" que ofrecerá a temporada da banda municipal que tamén comeza este mes.

Actividade cinematográfica e comezo da programación nos CSC
Pero non só de música se compón o outubro santiagués. O cine terá tamén gran presenza na programación cultural, coa celebración do V Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto. A programación da sección oficial desenvolverase entre o 10 e 17 do mes, maioritariamente no Teatro Principal.

Como actividade complementaria do festival, pódese contemplar xa desde o 25 do mes pasado a exposición Cinema In/Out, unha selección de fotografías de rodaxes do cine español na Zona C. Ademais, Santiago recibirá tamén este mes, coa colaboración do Concello, o ciclo Cinecidade, organizado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, e o Festival Internacional de Cine Árabe Amal, organizado pola Fundación Araguaney-Puente de Culturas.

Nas artes escénicas, a programación do Festival Internacional de Títeres Galicreques, que cumpre xa catorce anos, enche xa os escenarios da cidade. Ademais, a celebración da Feira Galega das Artes Escénicas, organizada por AGADIC pero con colaboración municipal "ofrecerá aos veciños e veciñas a oportunidade de ver en primicia moitas das propostas teatrais da temporada", en palabras de Socorro García.

A concelleira tamén quixo resaltar o comezo das actividades na Rede de Centros Socioculturais, unha programación que, segundo asegurou, "vai estar chea de sorpresas ao longo de inverno". Para abrir boca, os centros recibirán xa actuacións dentro do programa de Galicreques, os Domingos en Familia e obradoiros como o do espectador ou o de ilustración con plastilina, así como maxia, teatro e clown.

Documentos relacionados



Compartir: