ALCALDÍA

O alcalde considera un paso na dirección correcta a decisión da Xunta de destinar 4,5 millóns de euros ás liñas de baixo custo

02/10/2009 "Un paso grande e na dirección correcta". Así valorou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, a decisión da Xunta de dedicar 4,5 millóns de euros á promoción das liñas de baixo custo e doutro millón para a promoción turística en orixe.

Na súa habitual rolda de prensa dos venres, Sánchez Bugallo considerou "satisfactoria" a decisión do Goberno autonómico, recordando unha vez máis que "a preocupación de Santiago era manter o escenario destes últimos cinco anos". "Este escenario debe manterse e incrementarse", engadiu.

O alcalde indicou que, para a promoción das liñas de baixo custe neste ano 2009, a intención municipal é lograr que a achega autonómica alcance o 60% do total necesario. Xa para 2010, dixo agardar a que se concrete este anuncio da Xunta de apoiar esta promoción.

Dispositivo de atención e seguridade listo para o Xacobeo 2010
Na súa comparecencia tamén se referiu á reunión da Comisión de Cooperación para a Xestión e Desenvolvemento do Ano Santo 2010. Destacou o bo ritmo a que marchan todos os dispositivos de seguridade e atención aos visitantes.

A propósito de medidas concretas xa acordadas, apuntou algunhas como a da conexión a través de cable das entradas da Catedral ou a de habilitación de espazos tanto no recinto como, de ser necesario, nas prazas do Obradoiro ou da Quintana.

Tamén xa está perfilado o dispositivo para a recepción de autobuses. Os vehículos deixarán os pasaxeiros na dársena de Xoán XXIII e logo permanecerán aparcados na explanada de Salgueiriños. En función das necesidades, podería restrinxirse ao tráfico a avenida Xoán XXIII e, de non ser suficiente Salgueiriños, os autobuses serían levados tamén a Amio.

Igualmente, comentou a decisión de situar un punto de atención sanitaria na Casa do Deán, que mesmo se reforzará cunha ambulancia medicalizada en San Francisco.

Felicitacións á USC
Para rematar, o alcalde expresou o seu orgullo polo nomeamento como Campus de Excelencia Internacional da Universidade de Santiago. Esta distinción, concedida polo Goberno español a quince universidades, é "un xusto recoñecemento par todos os composteláns e galegos", dixo.

Compartir: